Tobogán acuático, Sondeseu ou Uxía: así e a programación do Corpus de Ponteareas

Publicidad

Xuño será o mes do Corpus de Ponteareas. A concelleira en funcións de Cultura e Turismo, Hortensia Bautista, adiantou a programación dun dos eventos máis importantes do ano en Galicia, que volverá a apostar por ofrecer unha variedade de actividades para chegar ao máximo número de público posible. O obxectivo, ademais, é posibilitar que todas as familias participen con propostas como concertos, exposicións, desfiles de carrozas, presentacións ou atraccións infantís.

A música será a protagonista en todos os seus estilos: tradicional, folk, de cámara, orquestras ou concertos son algunhas das suxerencias da programación de Corpus. Dous dos pratos fortes do Corpus de Ponteareas 2019 serán as actuacións de Sondeseu (domingo 23) e Uxía (luns 23) na Praza Bugallal, que se completarán cos recitais de orquestras e grupos tradicionais.

Este ano a música percorrerá durante toda a semana os portais alfombristas e haberá concertos en distintos puntos do casco urbano rematando o venres con Xurxo Souto e Voces do Arrieiro co concerto na Praza Maior.

A Orquestra de Cámara Galega acompañará a lectura do pregón o domingo 16 mentres que o xoves 13 de xuño será a presentación da revista Pregón, ás 20:30 horas, no Salón de Plenos.

Nesta edición do Corpus de Ponteareas haberá espazo para o compromiso social. A Concellería de Benestar Social e Igualdade instalará un punto de información “Agresión Off” na noite das alfombras.

Para a cativada destaca a instalación dun tobogán acuático na rúa Braña que estará operativo dende as 12:00 ata as 21:00 horas.

As carrozas e a batalla de flores encherán de cor e bo humor as rúas o domingo 23 e a partir das 19:30 horas nas rúas do centro urbano.

Na presentación da programación, o alcalde en funcións de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou que a pregoeira do evento será a escritora e psicopedagoga Susana Lamela.

A docente no CEIP Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas, recibe este recoñecemento pola súa aposta pola ensinanza de excelencia ao apostar pola introdución na aula das metodoloxías activas, o uso de dispositivos móbiles e da robótica. Ten recibido varios galardóns como o Sello Aula Innovadora polo “Proxecto Carritus” no ano 2014; no ano 2016 gañou a 1ª Startup educativa organizada por Google en Galicia co “Proxecto Faicity” por favorecer a inclusión educativa e a atención á diversidade mentres que no ano 2017 logrou o Concurso de Traballos por Proxectos convocado pola Xunta de Galicia co traballo “Pitiños: un proxecto do ovo á galiña”.

Coa presentación da súa última publicación, realizada en colaboración coa Escola de Artes de Ponteareas, conseguiu encher o salón de plenos. “Do dereito e do revés”, editado polo Concello, foi todo un éxito e chegou e todos os centros culturais e colexios do Concello.

Salir de la versión móvil