Cultura e cervexa únense na Guarda coa volta das "Barferencias"

Publicidad

As "Barferencias" constitúen xa un clásico na programación de inverno na Guarda. Concibidas como charlas de carácter informal, buscan espallar a cultura máis aló dos centros culturais ou salas de conferencias, trasladando así a divulgación sobre diferentes temas ós bares e cafeterías guardesas. Cada un dos faladoiros conta coa intervención dunha persoa especialista na materia a tratar, encargada de guiar a sesión.

A primeira "barferencia" desta edición realizarase este venres, 3 de novembro, ás 20:30 horas no local Arruaz. O protagonista do encontro será o Pai Baltasar Merino, botánico e meteorólogo xesuíta cuxo centenario de pasamento se conmemora este 2017. O presidente de OR.PA.GU., Joaquín Cadilla, será o encargado de guiar a charla, titulada «O Pai Baltasar Merino e o seu libro ‘Estudio sobre las Borrascas de la Costa Occidental de Galicia (1893)».

A represión franquista, o megalitismo galego, a rasa costeira e a lamprea serán os temas que se tratarán nas vindeiras sesións, celebradas un venres de cada mes ás 20:30 horas nos bares da nosa vila.

Salir de la versión móvil