O Multiusos da Estacada acolleu este martes a presentación da nova edición do SonRías Baixas. O recinto dá os últimos retoques.o festival comeza este xoves 2 de agosto. O SonRías Baixas agardaba unha sorpresa. Dakidarría, que están este ano de aniversario, son a última confirmación do festival. O grupo vigués actuará na Casa SonRías o sábado 4 de agosto, xornada na que tamén haberá concertos de Voodoo e Muchachito.
Ese mesmo 4 de agosto, a Casa SonRías abrirá as súas portas, un ano máis, no Recinto da Estacada, onde a gastronomía do Morrazo será a protagonista. Cociñeiros da contorna ofrecerán as súas mellores creacións ao público que queira achegarse ata esta singular casa de comidas musical, onde ás doce do mediodía as Voodoo se subirán ao Escenario Fest Galicia e ofrecerán unha mostra do seu soulk, unha particular mestura de soul e folk, que dará paso a un acústico de Muchachito en solitario e a unha actuación sorpresa que porá o broche de ouro a esta exclusiva e orixinal degustación gastronómico-musical. Nas pantallas, proxectaranse os finalistas do I Concurso de Videoclips Galegos SonRías Baixas, no que a música e o audiovisual se dan a man. A asistencia a estas actividades é gratuíta e os pratos serán despachados en formato tapa a prezos moi axustados.
O evento está previsto que congregue a máis de 20.000 persoas procedentes de diversos puntos do mapa. Berta Domínguez, codirectora do festival, destacou o traballo conxunto que realizan o festival e as institucións patrocinadoras a prol da profesionalización do sector, da sostibilidade ambiental e da igualdade de xénero. O SonRías é pioneiro no uso das novas tecnoloxías, co uso de pulseiras cashless para controlar o aforo e para pagar en todos os puntos de comida, bebida e merchandising. E, no que respecta á sostibilidade ambiental, ten un proxecto con Ecoembes e Ecovidrio, para a correcta recollida selectiva de residuos e envases. Ademais, o venres pola tarde haberá accións formativas para axudar á cidadanía a recoñecer correctamente os residuos que son obxecto de reciclado e fomentar boas prácticas no seu tratamento.
E, como recordou o deputado provincial de Turismo, Santos Héctor, a Deputación de Pontevedra entregará no festival soportes (fabricados con cartón ecolóxico e reciclable) para cabichas e pequenos residuos, para que o público faga unha recollida simbólica destes materiais e a cambio poderán beneficiarse de varios premios. Ademais, o organismo provincial porá un stand informativo -con carpa e photocall- contra as agresións sexuais e repartirá sombreiros, pegatinas e guías informativas para rapazas e para rapaces. Todo isto, dentro da marca #RíasBaixasFest.
O director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, salientou o traballo desenvolvido dentro da marca Fest Galicia, que estará presente cun stand e máis co estudo de impacto que está realizando o profesor da USC Fran Núñez. A Xunta tamén participará con dúas actividades: unha de política lingüística e un obradoiro de estampación de camisetas co lema agresiones off. Xosé Leal, concelleiro de Cultura de Bueu, pola súa banda, destacou a convivencia interxeneracional e a colaboración con outros eventos que se desenvolven na localidade, como o FIC Bueu, que leva a cabo o SonRías Baixas. E Bruno Lopes, brand manager de Superbock para Europa e EE.UU, anunciou que durante o festival haberá unha acción sorpresa cun artista urbano.
O pistoletazo de saída do XVI SonRías Baixas darano, o xoves 2 de agosto ás 21:30 horas, os valencianos Assekes, coa súa mestura de ska, rumba e rock alternativo. Despois, será a quenda do ska-punk dos italianos Talco, que ofrecerán o seu único concerto nos festivais de verán galegos. Pechará a primeira noite o rap e a electrónica en euskera de Revolta Permanent. Ao día seguinte, o venres 3, a principal voz do underground suramericano do momento, Sara Hebe, abrirá ás 20:00 horas unha velada que se prevé intensa. Seguiráa sobre o escenario a peculiar fusión de folclore latinoamericano con ritmos xamaicanos e actitude punk dos Che Sudaka. E, despois, un dos pratos fortes do festival: a única cita galega da xira de despedida da big band valenciana La Raíz. A descarga enerxética dos Desakato, que veñen de gañar o Premio ao Mellor Directo de España e Portugal nos Iberian Festival Awards, e os enfants terribles do garage punk galego, Terbutalina, pecharán a xornada, xa ben entrada a madrugada.
Despois dun breve descanso, a música volverá ao Multiusos da Estacada ás 19:45 horas coa canción de autor urbana e mestiza de Muerdo; seguida polas cancións libertarias e cheas de humor dos Gatillazo; pola particular mestura de rumba, rock, swing, funk, entusiasmo e alegría de Muchachito; e polo potente directo dos rockeiros referentes da música en euskera Berri Txarrak. Pecharán o festival os galegos The Skarnivals, habitantes do universo ska, punk e folk.
As entradas para os tres días de festival están á venda na web do festival por 40 € máis gastos. Tamén se poden mercar só para un dos días, por a partir de 18 € máis gastos.