A Deputación de Pontevedra celebrará o mércores en Vigo a "gran festa do turismo"

Publicidad

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou que o vindeiro mércores, 28 de febreiro ás 20 horas no Auditorio Mar de Vigo, terá lugar a Gala de Turismo da provincia de Pontevedra na que se darán cita representantes dos concellos e do sector privado do destino. “A grande festa do turismo provincial”, como a cualificou Silva, servirá para dar a coñecer a imaxe de campaña para este ano, que será a protagonista visual da Gala, e que xirará arredor do patrimonio.

Carmela Silva destacou que “imos celebrar que “Somos historias”, o eixo comunicativo da campaña deste ano que será o fío condutor dunha gala que non deixará a ninguén indiferente”. Máis polo miúdo, a presidenta provincial explicou que durante a Gala de Turismo se dará a coñecer a imaxe da campaña que vertebra arredor de oito eixos patrimoniais “que impulsaremos ao longo do ano, desde o patrimonio fortificado, representado por torres e castelos; ata o arqueolóxico, cos xacementos como abandeirados; o paisaxístico, dando a coñecer xardíns e miradoiros; o patrimonio literario, amosando unha provincia inspiradora de escritoras e escritores; o relixioso e espiritual, representado polos mosteiros, cemiterios singulares e a catedral de Tui; o inmaterial, con mitos, lendas e tradicións como embaixadores da provincia; o patrimonio natural, a través das nosas especies senlleiras, aves e espazos naturais; e o patrimonio etnográfico e cultural, representado polos museos, entre outras cuestións”.

Amais Silva explicou que durante a Gala, “chea de sorpresas, se van entregar os distintivos de calidade turística SICTED ás empresas que o acadaron no ano 2017, un galardón que na provincia teñen xa 263 establecementos”.


Pode interesarche: En que escenarios podería rodarse a serie ‘Game of Thrones’ en Pontevedra?


A presidenta da Deputación indicou tamén que “nesta gala dinámica e innovadora, desde a súa disposición, condución e actuacións, desvelaremos algunhas das novidades nas que estamos a traballar”. Entre outras cuestións, Silva adiantou que ao longo do 2018 “presentaremos o destino Pontevedra provincia antes da Semana Santa en Madrid e, proximamente, faremos o mesmo en Barcelona, outros puntos do Estado e nas cidades máis importantes de Portugal como Lisboa e Porto”.

Salir de la versión móvil