O misterio xa está resolto. Morrasound 2018 xa ten cartel definitivo. Os xardíns do Concello do Moaña foron o escenario da presentación das últimas seis confirmacións deste evento musical que terá lugar no Mirador da Fontenla os días 6 e 7 de xullo. Ses, Los Wavy Gravies, Rockin’ Gina & The Sentinels, The Soul Jacket, The Phantom Club e The Parkinsons súmanse aos nomes de Agoraphobia, Guadalupe Plata, Ruxe Ruxe e Los Deltonos.
O Morrasound 2018 volve ser moito máis que música. O teatro será de novo protagonista coas actuacións de Leo Bassi, Pajarito e Peter Punk e Brais das Hortas.
O deporte tamén será importante nesta terceira edición do Morrasound. Nesta ocasión o Dirt Jump cambia por unha competición de bikes chamada Speed & Style.
Na presentación desta mañá, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, mostrou a súa satisfacción por poder contar coa galega Sés no festival, "xa o pediramos nunha carta aos reis magos", bromeou. A rexedora finalizou a súa intervención destacando que "O Morrasound fará de Moaña a capital do rock e do bo rollo". Pola súa parte, o presidente de Fontenla, Óscar Rivas, destacou que catro das dez bandas son pontevedresas o que "demostra a boa saúde do rock na provincia". Este ano, o festival contará ademais co patrocinio de Super Bock. O brand manager da cervexeira, Bruno Lopes, expresou o seu desexo de que o Morrasound 2018 sexa "brutal".
A presentación do Morrasound xa demostra que estamos ante un festival distinto. Tras o anuncio definitivo do cartel, o grupo Pegas Negras ofreceu un concerto en “sesión vermú” como aperitivo do festival que haberá en xullo nun lugar como o Mirador da Fontenla.
Nun calendario repleto de festivais, o Morrasound decidiu mudarse. Deixou atrás o mes de setembro para citar aos amantes do rock en pleno verán na parroquia moañesa de Domaio. As datas coinciden cun dos potentes dos RíasBaixasFests, o PortAmérica, aínda que os seus organizadores sinalan a “diferenza de públicos” para a elección da localización no calendario. “Barallamos os diferentes fins de semana do verán e coordinámonos co Concello para elixir a mellor opción”, explicaba hai unhas semanas para Metropolitano. gal Óscar Rivas, presidente da Asociación Cultural Fontenla, organizadora do evento.
Morrasound 2018, na procura dun festival “total”
Unha das obsesións que este ano rolda a cabeza dos organizadores é alzarse como unha cita da que gocen todos, desde os máis pequenos aos maiores. “Traballamos moito para mellorar os eventos en horario diúrno para as familias, é nosa gran prioridade”, afánase en destacar Rivas.
O Morrasound quere potenciar o seu ambiente familiar durante o día namentres mantén a súa filosofía durante a noite. “Somos conscientes de que as normas habituais dos festivais, como prohibir o acceso con comida dificulta moito as cousas ás familias, por iso estamos a pensar como puír estes detalles”, explica o presidente da Asociación Cultural Fontenla.
Prezos axustados
Aínda que o Morrasound 2018 coincide cun dos pesos pesados do ambiente festivalero como é o Portamérica, Óscar Rivas asegura estar “satisfeito” coas datas elixidas.
O certo é que unha das diferenzas do festival de Domaio atópase no custo das entradas, que adoitan situarse entre os 15 e os 25 euros. Un prezo moi inferior ao habitual e que permite que toda a familia acuda ao evento sen baleirar o peto. “Facémolo de forma altruísta para gozar da música e do mellor ambiente e, por iso, mantemos unha entrada mínima”, recoñecen desde a organización.
Así, os primeiros 100 abonos sairán a un prezo de 15€. Unha vez esgotados, os abonos medrarán a un prezo de 20€ e, por último, o prezo en despacho de billetes será de 25€. As entradas por día terán un prezo único de 15€.