Mostra especial en Moaña. A Asociación "Devanceiros do Mar" organiza unha exposición co desexo de poñer en valor o patrimonio cultural e o esforzo da xente da vila mariñeira.
Esta é unha mostra de pezas e material que procede de doazóns e préstamos de profesionais, familias e persoas apaixonadas ao mundo do mar da vila morracense. Así, pretende sentar as bases pára a creación do futuro Museo do Mar de Moaña.
A exposición é un lugar onde se pode ver a evolución da navegación e a pesca ao longo da historia ata os nosos días. Consiste nunha viaxe no tempo, construción naval, cartografía, dispositivos de posición, comunicación e goberno. Unha sección para fotografía e área audiovisual onde se poden ver imaxes realizadas a bordo de barcos. Unha colección de redes e utensilios tradicionais para mariscar que amosan o desenvolvemento da pesca e a importancia que tivo para esta vila tan estreitamente ligada ao mar.
Pódese visitar no último andar da praza de abastos do 15 ao 28 de outubro, con horario de mañá e tarde. A entrada será gratuíta e realizaranse visitas guiadas para quen o solicite.