A #3 Edition do Galician Freaky Film Festival chega ao seu fin nunha xornada na que se proxectarán as últimas sesións de curtas para dar paso despois á clausura, coa proxección Devorados por la noche, de Óscar Doviso, e á esperada entrega de premios que, nesta ocasión, está máis competido ca nunca.
Por suposto, debido ao reducido aforo da Sala Overlook, no Hotel Bahía de Vigo, e o estrito protocolo para cumprir coa normativa vixente, tamén existe a posibilidade de ver a sección oficial a través de Internet, na plataforma Festhome, estando dispoñible ata o 8 de novembro.
As proxeccións da cuarta xornada
O último día do Galician Freaky Film Festival comezou cedo, ás 11 da mañá, coa sesión Alimento para o Maxín, no que se poderá gozar de obras coma Mascot, de Leeha Kim, un traballo que ven de gañar a Mención Especial no 41º Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand e que narra as aventuras e desventuras dun raposo no seu afán por converterse en mascota de cidade ou a animación Kids, de Michael Frei, que explora dun xeito brillante as dinámicas de grupo.
Despois de darlle aos miolos, ás 12.30 chegou o momento de escachar coa risa nunha boa dose de Humor Freak Vol. III con filmes coma What if??? de Enrique García, La boite de Marie-Pierre Hauwelle ou Le syndrome D’Archibald de Daniel Pérez.
Xa a partir das 16.30 os asistentes poderán gozar da sesión Que Carallo é Isto Vol. II con curtas que deixarán a máis de un sen palabras coma Slug Life de Sophie Gate, que amosa un día na vida de Tania, unha muller curiosa que desenvolveu un gusto especial polos amantes non humanos. A curta alzouse coa Mención do Xurado na 16º Vienna Independent Shorts e participou na selección oficial do festival Sundance 2019.
Tras isto, ás 18.00, tocaralle a quenda ao Especial “Serial Killer”, sección onde os asasinos en serie toman o protagonismo. Deste xeito, poderanse ver as curtas coma Together, de Ryan Oksenber, que narra a historia dunha limpadora de reparación de riscos biolóxicos, quen considera ameazada a integridade do seu negocio despois de contratar a un técnico con insaciable apetito polo seu traballo ou The Bloodbath obra de Emmanuel Hamon e Gilles Leroux, unha das estreas internacionais desta nova edición do festival e que conta coma unha banda de metal gótico, o director e un motorista son presa dun asasino psicópata no bosque.
Finalmente, ás 19.30, proxectarase o bloque Co Cu Torcido Vol. II con filmes tan abraiantes coma Chicken of the dead de Julien David, unha historia que amosa a Bernard Lepique, conselleiro delegado dunha empresa especializada na produción de galiñas medio-orgánicas e medio-antibióticas, e a presentación do seu último produto.
A clausura e a entrega de premios
Antes da entrega de premios, os asistentes terán ocasión de gozar dunha última peza audiovisual que, ademais, poderase ver en primicia mundial na Sala Overlook: Devorados por la noche, de Óscar Doviso. O filme, situado nos anos 80, contará o que lles acontece a un cantante dunha banda de rock e o seu grupo logo dun concerto.
Ademais, tamén se proxectarán os mellores traballos de Curta ou Susto, un concurso feito polo festival en maio no que se animaba aos participantes a crear una peza audiovisual que provocase, nun máximo de 30 segundos, un forte arrepío.
E, antes de despedirse do festival, será o momento da entrega de premios: catro outorgados polo xurado, composto por David Fidalgo Omil, Lois E. Froiz e Brian Rodríguez Cortiñas e tres polo público. Así, os galardóns do xurado serán o Gran Premio GFFF á curtametraxe máis freak; o Premio Neuronas Fritidas á curtametraxe máis extrema ou turbia; Premio CREA á mellor realización e o Premio Ben Dito ao mellor guión.
Doutra banda, os do público serán o Premio Olimpo dos Freaks á curtametraxe máis aplaudida; o Premio Arrepío á mellor curtametraxe de terror e o Premio Escarállome á mellor curtametraxe de humor.