Dhogs e o mestre Álvaro Gago, reclamos da penúltima xornada do Primavera do Cine

Publicidad

O Primavera do Cine en Vigo proxectará este sábado coa ópera prima Andrés Goteira, Dhogs, gran triunfadora dos XVI premios Mestre Mateo e que levou nada menos que 13 galardóns, converténdose así na obra máis premiada da historia dos premios da Academia Galega do Audiovisual.

Ademais, o recoñecido director Álvaro Gago dará unha clase maxistral o próximo 12 de maio no Auditorio do Concello de 10.00 a 14.00 que versará sobre a relación que existe entre a produción e a dirección á hora de levar a cabo un proxecto cinematográfico.

As entradas, a un prezo de 15 euros, poderanse adquirir a través da web do Primavera do Cine mediante o método de pago PayPal. As prazas asignaranse por orde de inscrición ata completar a cabida.

A "cartelera" do sábado 12 de maio

Doutra banda, no Concello exhibiranse dúas longametraxes. A primeira, ás 20:00 horas, é Elis e a segunda, ás 22.00 será A fábrica de nada, de Pedro Pinho.

Elis é un filme de Hugo Prata que retrata a Elis Regina, unha das cantantes máis queridas de Brasil e que se poderá ver no festival grazas á colaboración coa embaixada de Brasil en Madrid.

A fábrica de nada, conta a rebelión levada a cabo polos obreiros portugueses nunha fábrica a piques de desmantelarse. Unha cinta que mestura con éxito xéneros tan dispares como o documental, a ciencia ficción ou o musical. Pedro Pinho conseguiu con este filme o premio á mellor obra europea no festival de Sevilla 2017 e sorprendeu o festival de Cannes, onde gañou o premio da Federación de Críticos e provocou sete minutos de aplausos.

A xornada completarase cos últimos pases tanto de curtas galegas como de animación con filmes como Matria, de Álvaro Gago, Exhalación, de Al Díaz ou La mujer invisible de Noemí Chantada ás 18.30 no Concello; obras de animación como Áuga Mole, de Laura Gonçalves e Alexandra Ramires ou Viaje a Pies de Khris Cembe ás 18.00 no MARCO e curtas como Pingas, de Deborah Vukusic ou La Madrina, de Pedro Sancho ás 19.30 no MARCO.

Música de Cró!

O día rematará co concerto de CRÓ! na Sala Radar. A banda, formada por Cibrán Rey, David Santos, Rubén Abad e Xavier Núñez ofrecerá un concerto de rock progresivo que será todo un fin de festa antes da entrega de premios na gala de clausura do festival o domingo.

As entradas poderanse adquirir de forma anticipada por 5€ en Discos Elepé (Doutor Cadaval, 35) e Honky Tonk Discos (Falperra, 18) e tamén en taquilla, a un prezo de 7€.

Prezos

Cada bloque de curtas terá un custo de 2'50€, as longametraxes serán a 3,50€. Todas as entradas poderanse adquirir na sede correspondente desde media hora antes de comezar a proxección.

Salir de la versión móvil