Día do Libro, unha xornada para gozar das escritoras e escritores galegos

Publicidad

A Deputación de Pontevedra quere celebrar unha gran festa para conmemorar o Día do Libro. Os libros son unha ferramenta importante. Son unha inxección de cultura, de valores. Nestes días, son, ademais, unha conexión a un mundo exterior. Unha especie de comunicación co entorno e o contexto que nos propoñen as autoras e os autores. Precisamente, nestes duros tempos da crise do coronavirus, é a confirmación do éxito da literatura galega. “O último barco”, de Domingo Villar; “Infamia”, de Ledicia Costas; “Un lume azul”, de Pedro Feijoo; ou “O libro da filla”, de Inma López Silva, son grandes éxitos a nivel estatal coas súas versións en castelán.

O Día do Libro é un bo momento para celebrar a súa creatividade. A institución provincial centrará este xoves a última acción do día grande dos libros nas referencias persoais de oito autoras e autores galegos contemporáneos e a súa particular invitación a ler a través das súas obras favoritas. Así, nun vídeo que se colgará na web da Deputación de Pontevedra, escritoras e escritores como Marilar Aleixandre, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Francisco Castro, Inma López Silva, Domingo Villar, Silvia Penas e Manuel Loureiro compartirán coas persoas que accedan á web e ás redes sociais da institución os seus libros de referencia. Neste audiovisual agasallarán á cidadanía coa mellor literatura: “a que nos compromete, a que nos emociona, a que nos fai pensar, a que nos fai máis libres”.

“Os libros están a ser fundamentais nestes días de confinamento, téñense convertido nos nosos amigos máis fieis”, subliña Carmela Silva. Por iso, pese a que pandemia condiciona este ano a celebración, a presidenta da Deputación insiste en que estas circunstancias excepcionais “reforzan a necesidade de compartir cultura”. De feito, con este audiovisual, a institución provincial pecha unha semana chea de cultura e de actividades que contou con outro vídeo para convidar á cidadanía a participar nunha viaxe a través de sete grandes obras da literatura universal de autores e autoras dos cinco continentes. O vídeo amosa un mapa virtual no que se fai parada en escritoras e escritores de referencias como Rosalía e Cervantes, Harper Lee e Gabriel García Márquez, Mariama Ba. Khaled Hosseini e Kate Grenville.

Sorteo do libro de "María Vinyals"

Ao abeiro do Día do Libro, a Deputación de Pontevedra organiza un sorteo cuxo premio será un exemplar da obra “María Vinyals. A muller do porvir” do autor Diego Piay e da editorial Alvarellos. O concurso realízase a través das redes sociais do Castelo de Soutomaior, concretamente no perfil de Facebook, e o prazo para participar é ata este xoves ás 12:00 horas. Este venres ás 13:00 horas terá lugar o sorteo.

Salir de la versión móvil