A enseada de San Simón segue a ser protagonista da última edición do festival Sinsal SON Estrella Galicia. Como peche do evento, este domingo 15 de agosto terá lugar a derradeira actividade paralela deste Sinsal Esencial. A lonxa de Cesantes, en Redondela, acollerá a presentación de Tatuado nos ollos levamos o pouso, a nova curtametraxe documental da cineasta redondelá Diana Toucedo, un traballo que produce Sinsalaudio coa participación do Concello de Redondela.
A proxección, que inicialmente estaba prevista para a última fin de semana do mes de xullo, pospúxose por un caso de positivo covid-19 na cofraría e retómase agora. Así, este domingo 15 de agosto, a directora dará a coñecer este proxecto, rodado en 16mm e dixital, acompañada das propias protagonistas do filme: as mariscadoras e mariñeiros que traballan e manteñen viva a tradición deste oficio na Confraría de San Xoán de Redondela.
O acto, que terá lugar ás 20.45 horas na lonxa de Cesantes, tamén contará coa participación do programador e xestor cultural Javier Trigales e da cantante e compositora BFlecha, quen colabora neste proxecto a través da súa música. O acceso á presentación será gratuíto, mais o público deberá retirar previamente a súa entrada, a partir das 20.15 horas, no propio edificio da lonxa. A acto poderá contar cun máximo de 150 persoas.
Tatuado nos ollos levamos o pouso, cuxas primeiras imaxes puido coñecer o público que asistiu á illa de San Simón os pasados 23, 24 e 25 de xullo durante o festival Sinsal SON Estrella Galicia 2021, é unha curta documental ideada durante a celebración do Sinsal Litoral 2020. A través dunha ollada que se achega á etnografía sensorial, a cineasta busca amosar, mediante os xestos e os coidados, o traballo das mulleres e dos homes do mar na ría de Vigo. “Oficios artesáns e ancentrais que son unha simbiose fundamental entre a terra e o mar, unha forma de relación filtrada a través dos seus corpos, das súas herdanzas e do seu futuro”, apunta Toucedo.
En palabras do programador Javier Trigales, esta curtametraxe, que conta coa música da viguesa BFlecha e das verbas da poeta Dores Tembrás, “captura a xente facendo un traballo diante da cámara, seica a tarefa máis transcendental para o cinema. Mans que recollen, brazos que se tensan, costas dobradas, ollos axexando o que é invisible para o resto, pescando reflexos e movementos mínimos na superficie da auga e da area. Imaxes táctiles e impresionistas. Terra, mar e corpos en harmonía. As mariscadoras e mariñeiros da Confraría San Xoán de Redondela constrúen con cada xesto unha rede de sabedoría e coidados herdados por xeracións enteiras. O pasado permanece nun aceno da man ou nunhas verbas de coñecemento compartido. O día das mariscadoras deixa paso á noite dos mariñeiros, nuns roles repartidos de xeito horizontal moito tempo atrás. A cámara captura a colaboración plena de homes e mulleres que procuran solución a cada problema que xorde”.