Poucos concellos hai como Moaña que aposten por unha obra de arte para presentar a súa programación de verán. O modelo é sinxelo. Ten un protagonista. Diego Seixo. El é o encargado de retratar a ría de Vigo dende Moaña. A súa forma de contemplar ese mar máxico, cargado de lendas, que inspirou a Xulio Verne e máis recentemente a Domingo Villar en “O último barco” converterase dende este venres nunha interesante mostra que recollerá a cartelería dende a “Semana do Mar” ata “Días de Mar”.
A mostra recollerá o traballo de Diego Seixo dende 2006 ata a actualidade. Máis de tres lustros con carteis que marcarán, ano a ano, cada un dos veráns de Moaña. A vila morracense acolle agora esta retrospectiva que tamén será unha reflexión sobre as diferentes formas de ver o mar de Moaña. Sobre ese mar máxico que, dende a visión de Diego Seixo, mestura beleza e fermosura co misterio. Cada imaxe ten a súa propia alma. A súa propia historia. O tradicional amor de verán simbolizado nun cartel.
A presentación da exposición terá lugar este venres 16 de xullo, ás 19:00 horas, no hall do Concello de Moaña. A encargada de presentar o evento será a concelleira de Turismo e Promoción Económica, Coral Ríos. O acto contará coa poesía de Daniel Costas, as verbas da escritora Anna R. Figueiredo sobre as obras que compoñen a mostra y pechará o propio Diego Seixo.
A mostra, que leva por título “A eterna dúbida do horizonte”, preséntase ao público como unha “retrospectiva do mar de Moaña no ollar de Diego Seixo”. O cartaz deste evento está realizado por Luz Beloso.