O documental “Camilo, o último guerrilleiro de Galicia” abre o mes da memoria en Nigrán

Publicidad

O 15 de outubro de 1936 nove veciños do Val Miñor foron executados polos grupos falanxistas na curva de A Bombardeira, en Baiona. A súa morte foi a vinganza dos fascistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes e tamén un dos falanxistas.

Por estes sucesos, e outros tantos que tiveron lugar en Galicia, o Concello de Nigrán dedica o mes de outubro á memoria histórica co obxectivo de manter viva a memoria colectiva. “Non se pode esquecer nunca, consideramos unha labor das institucións manter a Historia sempre viva para que así non se repita”, asegurou na presentación desta programación o alcalde de Nigrán, Juan González.

1. Proxección de "Camilo, o último guerrilleiro de Galicia" e “Matriarcas”

A proxección do documental 'Camilo, o último guerrilleiro de Galicia' terá lugar hoxe, martes 10 de outubro, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal con entrada de balde.

'Camilo: o último guerrilleiro de Galicia' é un documental que expón a vida de Camilo de Dios, o último guerrilleiro que queda vivo en Galicia e cuxa historia será introducida por Xosé Lois Vilar, historiador do IEM que mantén contacto con esta persoa. A través deste documental recupérase a memoria histórica da guerrilla antifranquista, xa que Camilo é a única testemuña que pode dar voz a estas persoas.

Pola súa parte, o martes, 24 de outubro, o Auditorio Municipal acollerá a presentación do documental “Matriarcas”. A proxección, que arrancará as 20:00 horas con entrada de balde, relata a historia de mulleres galegas fronte a unha sociedade patriarcal e como viviron as diferentes etapas da súa vida: mocidade, embarazo, mundo laboral, etc.

2. Mostra sobre a represión nas mulleres

Os actos continúan o venres ás 20:00 horas no Auditorio Municipal coa inauguración da exposición 'Rexas, Mulleres baixo o terror franquista' comisariada por Montse Fajardo a través da Deputación de Pontevedra.

A mostra conta a historia da represión rexistrada en Pontevedra tras o golpe de Estado de 1936 dende o punto de vista das mulleres. Está disposta en 12 paneis con 78 fotografías e dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, o segundo para as diferentes tipoloxías de represión e unha terceira e última parte dedicada a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindible á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como ao seu protagonismo na transmisión da memoria.

3. Homenaxe na “Volta dos 9”

Un ano máis, o Concello de Nigrán conmemorará o sábado 14 a 'Volta dos 9' cunha ofrenda floral ás 12:30 no xardín da memoria diante do Pavillón de Panxón (inaugurado o ano pasado) e ás 13:00 o concerto da Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia no mesmo lugar.

O Concello participará tamén ese día xunto ao IEM nos tradicionais actos no Cemiterio de Sabarís e na curva da Bombardeira en Baiona. Lémbrase así o fusilamente dos nove antifranquistas na devandita curva.

4. Os represores galegos

A través do Instituto de Estudios Miñoranos, o martes 17 presentarase o libro 'Os nomes do terror. Galiza 1936', coa presenza de varios dos seus autores. Esta obra constitúe o primeiro achegamento sistemático ao estudo dos represores en Galicia que racha con este tabú nos traballos da memoria histórica e pon en negro sobre branco os nomes, as causas e as metodoloxías usadas polo terror.

A cita, de balde, terá lugar ás 20:00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán.

5. Día da Recuperación da Memoria Lingüística de Galicia

O sábado, 28 de outubro, o Concello organiza un ano máis o Día da Recuperación da Memoria Lingüística de Galicia, vinculándoa tamén á memoria histórica. Este ano terá lugar ás 12:00 horas no Cemiterio de Parada.

6. Concerto narrativo

Por último, o martes 31 de outubro a violonchelista Margarida Mariño ofrecerá un concerto no que se intercalará unha lectura narrativa sobre os acontecementos no Val Miñor os meses posteriores ao inicio da Guerra Civil. Coordinado tamén dende o IEM, terá lugar ás 20:00 horas no Auditorio Municipal con entrada de balde.

Salir de la versión móvil