Nove meses despois dos incendios forestais que arrasaron gran parte do patrimonio natural de Vigo, a organización de Ecosons quere devolverlle ás árbores e á natureza en xeral parte do que ela nos da. A natureza proveeu de recursos ao ser humano dende os seus inicios, permitindo, por exemplo, coller a madeira coa que se fan os instrumentos musicais. O festival Ecosons nace como un festival de música para as árbores. Ten formato de romaría e o seu obsectivo é pechar o "círculo" e devolverlle á natureza parte da música que esta permite facer.
Ademais da finalidade dos organizadores do evento, Ecosons pretende ser un punto de encontro entre a música e a natureza dende diferentes perspectivas e disciplinas, un espazo para apoiar á concepción produción e consolidación de proxectos sustentados no respecto e o coidado do natural para todos os públicos.
A programación de Ecosons, que terá lugar este sábado 14 de xullo de 12:00 a 20:00 horas inclúe catro actuacións musicais e unha sesión de divulgación enfocada á relación entre a música e a natureza. Comezarase cunha sesión vermú a cargo do cantor Iván Gulín, quen fará música das distintas terras polas que estivo. Despois do comer, un "café con ondas" para falar da interacción entre a música e a natureza, tocando temas como as paisaxes sonoras. Pola tarde desfrutarase do artista lalinense Benxamín Otero Otero co seu novo proxecto "Concerto a só", o cal deleitará ao público co oboe, guitarra eléctrica e unha caixiña de música; así como das chelistas Jimena Andión García e Laura Juncal Pájaro no dúo "A Piacere", interpretando, entre outras, pezas do repertorio pop-rock actual relacionadas coa natureza como "Human Nature" de Michael Jackson ou "Welcome to the Jungle" de Guns and Roses. Pecha o festival dende a Pontragha as Bouba, catro pandereteiras que se converteron nunha referencia na música popular galega e que van deixar con bo sabor de boca ós asistentes e animarán a botar uns bailes.
O Ecosons terá lugar no espazo Ecolectivo, situado no número 38 da Subía ao Monte da Serra. Trátase dun proxecto experimental e multidisciplinar que impulsa experiencias no ámbito ecolóxico, comunitario e cultural co obxectivo de fortalecer o crecemento persoal e grupal.
Ecosons é un proxecto autosustentable que defende que os profesionais das Industrias Galegas perciban unha remuneración económica polo seu traballo. Os tíckets, que teñen un prezo de 10 euros, destinaranse a modo de doazón ao proxecto "a natureza da música", xestionada pola Fundación Galicia Sustentable (FGS). Os menores de 12 anos acceden gratis.