Tomiño prepárase para volver ser referente no eido educativo coa posta en marcha da tradicional Semana da Educación, que este ano celebra a súa oitava edición con catro recoñecidos expertos e expertas que abordarán cuestións como a alimentación, os móbiles e os videoxogos, a educación ecosocial ou o tipo de docentes.
Baixo o lema ‘A educación e ciencia. A educación é conciencia’, o auditorio de Goián acollerá do 6 ao 9 de febreiro (19:00 h) estas xornadas dirixidas tanto a persoal docente e educador como a pais e nais que busquen informarse ou formarse en diferentes aspectos relacionados co mundo da educación.
“Cada ano preparamos con ilusión esta semana porque cremos que a educación é a mellor ferramenta que temos nas nosas mans para conseguir transformar a nosa sociedade”, explica a alcaldesa, Sandra González, que convida a toda a veciñanza e ás e aos profesionais da educación a asistir a este evento totalmente de balde.
O encargado de inaugurar unha nova edición da Semana da Educación será José Manuel López Nicolás, que o luns 6 de febreiro falará dos ‘Alimentos do século XXI: verdades e mentiras’. Catedrático en Bioquímica e Bioloxía Molecular na Universidade de Murcia, investigador, escritor, docente, vicerreitor e membro da Academia de Ciencias da Rexión de Murcia, López Nicolás enfocou a súa carreira ao descubrimento de novos achados en bioquímica, nutrición ou biotecnoloxía, publicados nas máis prestixiosas revistas científicas. O seu labor divulgativo levouno a facerse co Premio Tesla 2013, co Premio Bitácoras ao Mellor Blog de Ciencia, co Premio especial do xurado ASEBIO 2016, co Premio Ciencia en Acción á mellor conferencia ou o Premio Prisma especial do xurado pola súa traxectoria. Coa súa charla en Tomiño, López Nicolás botará luz sobre os mitos e realidades que rodean á alimentación actual, analizando a efectividade da maioría dos alimentos que atopamos nos supermercados e desmontando algúns produtos ‘con’ e ‘sen’.
O martes 7 de febreiro subirase ao escenario Eurídice Cabañes, escollida como unha das 100 Game Changers en 2020 por Gameindustry e codirectora da organización internacional centrada no viodeoxogo como ferramenta de transformación social ARSGAMES. Doutora en Filosofía e docente, Cabañes conta con máis de 60 publicacións entre artigos, libros e divulgación e deu máis de 140 conferencias en Asia, Europa, Australia, Norteamérica e Latinoamérica. Fundadora e directora da Fábrica Dixital El Rule da Secretaría de Cultura da Cidade de México e colaboradora co Centro Multimedia do CENART, é tamén comisaria de numerosas exposicións relacionadas co mundo dos videoxogos. Na súa charla ‘Pantallas, móbiles e videoxogos’ abordará un dos temas que máis preocupa hoxe en días ás familias: o uso das novas tecnoloxías e o seu impacto na infancia e na mocidade.
Na xornada do mércores 8 de febreiro abordarase con Miriam Leirós a ‘Ciencia, medio ambiente e sociedade: a educación ecosocial’. Mestra de primaria, educadora ambiental e experta en xestión social do hábitat e deseño participativo, Leirós é coordinadora de Teachers For Future Spain, colectivo que desenvolve programas de acción e concienciación ecosocial. Autora de diferentes libros, é tamén compoñente do grupo de ‘Expertos Independentes da Asemblea Cidadá para o Clima de España’ e participante na COP 25. Durante a súa conferencia achegará ao público a educación ecosocial, que inclúe as relacións entre as persoas e os hábitats na procura do coidado e protección para o ben común, ensinando a sopesar consecuencias para cooperar como sociedade.
A oitava edición da Semana da Educación baixará o pano coa charla o xoves 9 de febreiro de Nino Cervera ‘Es o/a docente que che gustaría ter cando estudabas?’. Dende que era cativo quería mellorar o mundo e sabía que para conseguilo era preciso mellorar ás persoas. Licenciado en Administración e Dirección de Empresas, atopou a súa vocación como profesor de secundaria e universidade, organizando proxectos de innovación con impacto social e medio ambiental e traballando para fusionar a educación aplicada á vida real. A través da súa conferencia, que será en formato obradoiro, o público poderá experimentar e reflexionar sobre as claves dun bo ou boa docente e a boa educación, todo dende a perspectiva do alumnado e a metodoloxía para obter clases innovadoras, motivadoras e inspiradoras.