O encanto das cantigas de amigo de Martín Códax desembarcan en San Simón

Publicidad

Vigo e a súa área continúan coa programación de actividades especiais dende a chegada do Pergamino Vindel ao Museo do Mar. O vindeiro 11 de novembro celebrarase na Illa de San Simón un concerto didáctico sobre as cantigas de amigo de Martín Códax.

O grupo de música medieval, Pres de Cambrai, levaranos de viaxe pola Galicia do século XII e XIII, collidos da man da música dos trobadores e coa melodía do idioma de Galicia.

O concerto será unha ocasión excepcional para coñecer a estética medieval, a música e o esplendor da lingua galega. Desta maneira o público escoitará as cantigas de Martín Códax tal e como soaban na ría de Vigo hai case un milenio.

O concerto, unha actividade de balde

O recital na Illa de San Simón é gratuito. Os interesados en inscribirse deben enviar un correo electrónico co nome completo e o número do DNI a normalización@redondela.gal ou chamar ao 986 400 300. Cada persoa pode facer un máximo de catro reservas (o límite é 65 prazas). A actividade é para persoas adultas e crianzas de máis de 12 anos, sempre e cando estén acompañadas por un adulto.

O barco que traslade á illa collerase no porto de Cesantes ás 17:00 horas. A hora aproximada de volta ao mesmo porto é ás 20:00 horas.

O acto está organizado pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Redondela e o Servizo de Normalización Lingüística.

Salir de la versión móvil