Entroido, cine, música e literatura enchen de lecer o Rosal en febreiro e marzo

Imaxe dun anterior Entroido no Rosal // FOTO: FACEBOOK CONCELLO O ROSAL

Publicidad

O Concello ten preparada unha programación cultural cargada de actividades para encher O Rosal de vida e lecer durante os meses de febreiro e marzo. A axenda para os vindeiros dous meses, con catorce propostas para todos os públicos, “permítenos seguir dinamizando a cultura no noso municipio, levándoa tamén aos nosos barrios e apostando por unha ampla variedade coa que chegar a toda a veciñanza e de balde”, explica a alcaldesa Ánxela Fernández Callís.

En febreiro o Entroido será o gran protagonista. Tras o concerto da Banda do Conservatorio Profesional de Palencia este sábado 4 (19:30 h) no auditorio municipal, chega a Festa do Entroido en Fornelos e en Novás do 18 ao 21 de febreiro da man das respectivas comisións de festas. O domingo 19 as rúas rosaleiras encheranse de cor, música e diversión co tradicional desfile de Entroido a partir das 11:00 horas polas rúas do Calvario.

O final de febreiro estará cargado de novas actividades. O xoves 23 haberá unha nova sesión dos Cafés en Igualdade. A partir das 17:30 horas as persoas participantes poderán afondar con Angelina Gándara na maternidade na Cafetería Nenza Xida. O sábado 25 (18:30), organizado pola CC Montes de Tabagón, chega ao Centro Social de Tabagón a película ‘Santoalla’, que narra os feitos que inspiraron a película ‘As Bestas’. O domingo 26 o auditorio municipal acollerá ás 19:00 horas a Gala do Día de Rosalía, coa actuación de Lara Villaverde.

Marzo arrancará con máis cine. Organizado polo CC Montes do Rosal, o venres 3 presentarase no auditorio municipal o documental ‘A auga que trouxeron’, de Trespés Producións. Haberá unha proxección para o alumnado do CPI Suárez Marquier ás 12:00 h e outra para o público xeral ás 20:00 h. Con entrada libre ata completar aforo.

O sábado 4 a Comisión de Festas organiza en Pías o Torneo da Cachiza ás 16:00 horas e os días 11 e 12 a Feira de San Gregorio. O sábado 18 o auditorio municipal acollerá a partir das 20:30 horas o concerto ‘Noé, Noemi e Noemilia. Sete animais e a súa familia’, con Belén Otxotorena e a Banda da Agrupación Musical do Rosal.

O mes de marzo rematará coa Festa de San Xosé de Novás o domingo 19 organizada pola comisión de festas e coa audición do alumnado da escola de música da Agrupación Musical do Rosal no auditorio municipal o sábado 25 ás 19:30 h. Os Cafés en Igualdade chegarán o 30 de marzo á Liga de Amigos para falar ás 17:30 horas sobre feminismo con Sara Uris.

Salir de la versión móvil