Escalada, circo, deporte ou pintura para o público infantil do festival The Wild Fest de Vigo

Publicidad

The Wild Fest aposta un ano máis por unha programación atractiva para todas as idades e amplía as actividades dirixidas a público familiar, que se desenvolverán durante o venres 8, sábado 9 e domingo 10 de xullo no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Na vindeira edición do festival, que se celebrará entre o 3 e o 10 de xullo de 2022, a organización pretende "destacar como o festival multidisciplinar e medioambiental de referencia na comarca de Vigo" polo que seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común, facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.

As entradas para o The Wild Fest están á venda a través da páxina web do festival, con opción á compra por días, cun precio entre 15 e 20 euros, ou abonos, entre os 30 e os 37 euros. A entrada o domingo é gratuíta ata completar o aforo do recinto e, para promover a asistencia de público miúdo, a entrada será gratuíta ata os 14 anos.

Espectáculos

O ambiente familiar en The Wild Fest é un dos aspectos máis coidados pola organización do festival e nunca faltan as actuacións dirixidas a público infantil. Este ano, os encargados de facer rir á rapazada serán Peter Punk e Brais das Hortas o sábado, un dúo irreverente que combina circo e música con grandes doses de comedia; e Cé Orquestra Pantasma, o domingo, unha orquestra completa interpretada por un só home, César Freiría. Tamén o domingo haberá unha sesión de contacontos con Miguel Anxo Alonso Diz, escritor de literatura infantil que acaba de publicar "O país da choiva".

Ademais, ambas sesións vermú, a de A Roda, o sábado, e a de Blues do País e o Sindicato da Verbena, o domingo, están pensadas para ser desfrutadas por asistentes de todas as idades. O mesmo ocorre coas proxeccións de cinema mediambiental de The Wild Cinema e outras actividades como a andaina ou a orientación que procuran reunir a un público interxeneracional.

Pequerace

A carreira de obstáculos Xacobeo Wild Race incorpora por primeiro ano unha modalidade infantil, dirixida a nenos e nenas entre 4 e 12 anos. Trátase da Pequerace, unha proba deportiva inspirada na de adultos e especialmente deseñada para cativos, que se realizará nun circuíto de 300 metros con dez obstáculos.

Os interesados en participar na Pequerace deben realizar unha inscrición a través da páxina web CC Norte elixindo entre dous tramos: de catro a sete anos que darán unha volta ao recorrido, ou de oito a doce anos, que darán dúas voltas. Ambas opcións contan cun precio de inscrición de cinco euros.

Circo

Outra novidade desta cuarta edición é a actividade The Wild Circus na que os pequenos terán a oportunidade de amarrarse, trepar e colgarse das teas aéreas experimentando a impresionante sensación de estar a flotar. Tania, de @aerialtry, será a experta responsable de impartir o obradoiro, que terá lugar o sábado de 15:00 a 18:00 horas. Pola tarde do mesmo día tamén se realizará unha demostración do espectáculos "Maxia celta".

Escalada

Por segundo ano, Mapache Climbing, instalará un bulder no recinto do festival, unha parede con resaltos de cores e pouca altura na que a rapazada poderá aprender os movementos básicos da escalada. A actividade realizarase o sábado e o domingo entre as 15:00 e as 17:00 horas, aumentando así o horario respecto ao ano anterior dada a alta demanda. A actividade estará impartida por Javier Rodríguez Fernández, membro do Clube de Escalada dos Montañeiros Celtas.

Pintura

Tamén repite a experiencia Sara Iglesias, licenciada en Belas Artes que traslada o seu obradoiro ao entorno natural para que pequenos (e tamén maiores) aprendan novas técnicas artísticas coas que expresarse e expresar as súas curiosidades. Os obradoiros de pintura terán lugar sábado e domingo entre as 15:00 e as 18:00 horas.

Salir de la versión móvil