O ciclo “Venres D_letras”, organizado polo Concello de Ponteareas e co que se pretende dar visibilidade aos autores galegos contemporáneos, retoma a súa actividade logo do parón do mes de agosto. Para inaugurar a nova tempada contará coa presencia do escritor compostelán, Daniel Asorey, que vai presentar a súa novela “Nordeste”, gañadora do Premio Repsol de Narrativa Breve do ano pasado. A cita arrancará ás 20:30 horas deste venres no salón de plenos.
“Nordeste” está ambientada no mundo dos “cangaçeiros”, un grupo a medio camiño entre o bandoleirismo e a resistencia social, que desenvolveu a súa actividade dende mediados do século XIX ata ben entrado o XX, no “sertão”, ao nordeste do Brasil. A pesar de ser un traballo ben documentado no que mistura a realidade coa pura fantasía, o fondo da historia parte dunha ucronía na que Galicia chega á actualidade mantendo un estatus político independente logo de que os Irmandiños vencesen na súa loita contra os nobles galegos, e extendendo o seu poder cara á zona referida do Brasil.
“Nordeste” é a primeira novela de Daniel Asorey, que xa se dera a coñecer en algunhas publicacións colectivas.
O ciclo “Venres D_letras” terá continuidade o vindeiro mes coa presentación de “As contas que nos contan”, de Xosé Díaz.