O actor e narrador oral galego, Candido Pazó, chegará este xoves a Redondela coa súa xira de contos contados. A narración gratuíta, que arrancará ás 21:00 horas fronte ao Café da Vila, seguirá o fío habitual do actor, con contos populares e unha fusión entre o moderno e o tradicional.
A través de diferentes lendas e historias, Pazó viaxará por escenas da vida diaria dos galegos e galegas nunha hora de duración na que tamén serán constantes as referencias á actualidade cun ton humorístico.
Obxectivo solidario
Desta vez, a narración de Cándido Pazó terá un marcado carácter solidario. O espectáculo celebrarase baixo o título de “Contos que abrazan”, unha metáfora do obxectivo da cita. O actor e dramaturgo doará o seu caché da actuación para un tratamento médico a unha moza que non pode facer fronte ao pagamento do mesmo.