Tomiño homenaxea ao pintor Mario Rodríguez, representante da súa memoria histórica

Publicidad

Hoxe, venres, 8 de setembro ás 20.00h, inaugurarase no Mercado Municipal de Tomiño, unha exposición de pintura do pintor tomiñés Mario Rodríguez (1931, 86 anos), representante da memoria histórica do municipio baixomiñoto.

Trátase dun recoñecemento municipal a achega realizada polo artista tomiñés, á cultura e memoria histórica de Galicia que se complementará ademais coa homenaxe pública do goberno municipal que terá lugar o vindeiro domingo, 10 de setembro, no acto cívico que o Concello vén organizando dende 2007, previo aos actos relixiosos do día grande das Festas do Alivio.

Quen é Mario Rodríguez?

O pintor naceu en Figueiró o 24 marzo 1931, no seo dunha familia republicana, que tras o golpe militar de 1936 sofre de maneira directa a cruel represión do réxime franquista. O seu pai, Francisco Rodríguez Otero, de profesión practicante e figura política do movemento agrarista, foi fusilado nos comezos da guerra civil. A súa nai, Isaura Gómez Pérez, padeceu a represión polo seu compromiso coa causa republicana como escritora e como viúva de fusilado. Foi exiliado en Bos Aires, e acollido pola intelectualidade galega. Tamén estivo varios anos en Londres e foi recoñecido pola súa arte en distintos países.

A partir de finais da década dos 70, xa en Galicia, Mario Rodríguez intensifica a súa actividade artística, volta ás súas orixes reencontrándose con vellos amigos de escola, como Xavier Pousa, e outros artistas e intelectuais galegos, como Eliseo Alonso, Sevillano, Abreu Bastos, Mario Granell, Virxilio ou Laxeiro.

Ao longo da súa traxectoria artística, realiza diversas exposicións individuais e colectivas como a da Caixa de Aforros de Vigo (1977), a da Sala de Arte do Real Club Náutico de Vigo (1980); participa na II Bienal de Arte de Vilanova de Cerveira (1980), nunha mostra colectiva na Sala de Exposicións Alonso Berruguete de Valladolid (1986), na Societé des Artistes Independant, Grand Palais de París (1990) con motivo do centenario do falecemento de Vincent Van Gogh; na Exposición Pro Monumento aos Represaliados do 36, celebrada en Tui en 1997 ou a Exposición Antolóxica que se lle dedicou na Casa das Artes de Vigo en 2001.

A súa obra está representada en museos, galerías e coleccións particulares de diferentes países: Brasil, México, Venezuela, Arxentina, Inglaterra, Francia, Alemaña, Portugal ou España.

Salir de la versión móvil