Un ano máis, e xa van dez, co mes de novembro chega a Feira de Outono de Ponteareas para celebrar a chegada dunha nova estación e dos seus produtos de maior sona: os cogomelos. Nesta décima edición a aposta pola micoloxía refórzase aínda maís con novas actividades e conferencias en torno a este froito do outono. Así, o xoves, 2 de novembro, terá lugar unha charla na sala de conferencias do Auditorio Municipal sobre o papel cultural dos cogomelos. Comezará as 20:00 horas da man da bióloga e profesora da Universidade de Vigo Marisa Castro.
O venres, día 3, a Biblioteca Municipal acollerá, ás 19:30 horas, unha nova charla micolóxica a cargo de Gabriel Pérez, biólogo e membro do laboratorio de micoloxía da Universidade de Vigo, quen explicará como identificar cogomelos no campo. O propio Gabriel Pérez será o encargado das aclaracións sobre o terreo que terán lugar na saída micolóxica do sábado, día 4, partindo dende o convento de Canedo para decorrer polo monte da Picaraña.
Por último, o domingo, 5, de novembro, coincidindo coa última xornada da Feira de Outono, terá lugar na carpa da Praza Maior a tradicional exposición micolóxica, na que se poderán contemplar os exemplares recollidos clasificados co seu nome común, o seu nome científico e as súas características. A exposición estará aberta de 11:00 a 20:00 horas, coincidindo co horario de apertura da Feira de Outono.