Museos e barco de balde na Guarda para celebrar o Día do Turismo

Publicidad

Co gallo de celebrar o Día Mundial do Turismo, este mércores, 27 de setembro, os dous centros museísticos do Concello da Guarda abrirán as súas portas de balde para todos os que se acheguen até a vila. En concreto, os visitantes poderán visitar gratuitamente o Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz e o Museo do Mar.

Pero ademais, o transbordador que une A Guarda e Camiña, que permite desfrutar dunhas impresionantes vistas da desembocadura do Miño, será tamén totalmente gratuíto durante todo o día.

Pola súa parte, no Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz os visitantes poderán comprender o contexto histórico e o papel desempeñado pola fortaleza guardesa no sistema de fortalezas transfronteirizas. O castelo construíuse ao abeiro da Guerra da Independencia de Portugal no século XVII e foi declarado Ben de Interese Cultural no ano 1995. O horario de visitas é de 11:00 a 14:00 horas.

Por último, o Museo do Mar estará aberto de 11:00 a 14:00 horas. O centro conta con dúas coleccións, unha etnográfica coas antigas artes de pesca e aparellos, e outra malacolóxica, cunha selección de cunchas do mar procedentes de todo o mundo.

Transbordador gratuíto

A Guarda é ademais o último concello baixomiñoto que aínda conta cun servizo regular de transbordador entre a vila e Caminha, na beira portuguesa. O barco debe tomarse no barrio da Pasaxe e, se a previsión se cumpre (pode variar segundo as mareas), sairá dende A Guarda ás 10:30, 11:30, 12:30, 13:30, 15:30, 16:30, 17:30, 18:30, 19:30 e 20:15 horas; namentres que as saídas dende Caminha serán ás 10:00, 11:00, 12:00, 13:00, 15:00, 16:00, 17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas.

Salir de la versión móvil