Redondela comeza mañá, xoves 3 de xuño, unhas festas da Coca 2021 atípicas, polas condicións que segue a impoñer a pandemia da covid-19 pero que, en palabras da alcaldesa Digna Rivas, “buscan manter vivo o espírito dunha das nosas celebracións máis tradicionais”.
As alfombras reduciranse en número, coa fin de evitar aglomeracións nas rúas, e realizaranse na Praza do Concello, adro da igrexa parroquial, rúa Adro, praza Reveriano Soutullo (praza de Lenda), Casa da Torre e praza José Figueroa. Pola súa banda, o domingo confeccionarase unha última alfombra na rúa Rita Regojo.
Paralelamente, a Concellería de Eventos vén de elaborar un programa de actividades que comezará mañá, xoves 3, ás 11:00 horas cos pasarrúas da Banda de Música de Redondela para, ás 11:30 horas, celebrarse o tradicional desfile da Coca escoltada polos Xigantes e Cabezudos e que contará co acompañamento musical do grupo de gaitas O Carballo das Cen Polas.
O venres 4 de xuño, ás 19:00 horas e na Alameda Castelao, terá lugar o concerto de Uxía Lambona.
O sábado 5 de xuño, ás 11 horas, a xornada abrirase cos pasarrúas da Banda de Música de Arcade, quen, ás 13:00 horas, ofrecerá un concerto na Alameda Castelao. A xornada pecharase co concerto que ás 20:00 horas, tamén na Alameda Castelao, ofrecerá Sabela Cereijo.
O domingo 6 de xuño, xornada na que se confeccionará a alfombra en Vilavella (rúa Rita Regojo), a Banda de Música de Chapela, ofrecerá o tradicional pasarrúas ás 11:00 horas e, cara ás 11:30 horas a Coca e os Xigantes e Cabezudos, acompañados polo grupo de gaitas O Carballo das Cen Polas, percorrerá as rúas da vila.
A xornada rematará co concerto que ofrecerá a Banda de Música de Chapela na Alameda Castelao ás 19:00 horas.
“Non son as festas de sempre, as que nos gustan a todas as redondelás e redondeláns, pero son, pese a todo, as festas da Coca”, insiste a alcaldesa Digna Rivas ao mesmo tempo que adianta que “o vindeiro ano, en que esperemos a pandemia estea superada, Redondela vivirá unhas Festas da Coca como sempre foron, de celebración nas rúas, coa Danza das Espadas e das penlas que forman parte inseparable da nosa propia identidade”.