Tui volve render homenaxe ao Meixón cunha “iniciativa que busca recuperar e consolidar unha tradición gastronómica que nos facía singulares e importantes”, en palabras do alcalde, Carlos Vázquez Padín. Así, o municipio baixomiñoto celebrará do 24 de marzo ao 9 de abril a súa festa gastronómica inserida dentro das festas grandes municipais de San Telmo, pero que adquire carácter e programación propia.
O municipio quere recuperar así unha festa que levaba anos ausente e que no último lustro celebrábase de xeito intermitente. “É unha aposta complicada”, recoñece o alcalde tudense, quen asegurou esta mañá en rolda de prensa que “Tui ten a sorte de estar vinculada ao meixón e queremos darlle un protagonismo moi especial”.
A recuperación da Festa do Meixón de Tui, co produto das augas do Miño que bañan á cidade, basearase na colaboración de cinco restaurantes da cidade. Así, todos eles ofrecerán unha cazola e unha receita común. É importante destacar que debido a súa escaseza, o meixón do Miño –cría da anguía a única cría de peixe autorizado para a súa pesca- ten habitualmente un prezo moi elevado, que pode alcanzar os 500€ por quilo.
No caso da festa tudense, por 55€, os visitantes poderán degustar unha ración de 100 gramos de meixón, pan e copa de viño. A receita será a tradicional á bilbaína con aceite, allo e chile.
Para Pilar Blanco, de 81 anos, e Nieves Silva, de 71, que levan máis de 45 anos na cociña dos seus restaurantes tudenses, o segredo do prato é, sobre todo, a boa calidade do meixón tudense. A isto, aseguran, soamente queda engadirlle “un bo aceite de oliva e unha boa técnica de cociña”. Con estas dúas ideas o resultado será “boísimo”.
A festa gastronómica tudense inclúese na celebración das Festas de San Telmo que se celebran entre o 31 de marzo e o 9 de abril.
Onde podo degustar a cazola de meixón?
En total, hai cinco establecementos participantes na festa. Os que queiran probar o prato poden facelo en Asador Paulo (986 604 214), O Novo Cabalo Furado (986 60 12 15), o Cruceiro do Monte (986 607 575), El Molino (986 603 012) e La de Manu (674 549 494). Soamente é preciso reservar previamente chamando aos teléfonos indicados.
Canto custa?
O prezo da cazola de 100 gramos é de 55€.
Que inclúe?
Ademais do prato de meixón, inclúese pan e copa de viño.
Cando se celebra a Festa do Meixón?
A festa gastronómica vai do 24 de marzo ao 9 de abril, ambos incluídos.