Festivais, cine, natureza e historia: sete citas que non te podes perder do verán de Moaña

Publicidad

Como cada ano ao chegar o mes de xullo, o municipio de Moaña publica a súa programación de eventos e actividades para o verán. Este ano, ademáis das citas habituais súmanse outras moitas, novas ideas para gozar da música, do cine, da natureza e da propia cultura galega, con eventos que rememoran o carácter mariñeiro da vila ou mesmo a riqueza gastronómica da nosa comunidade. Estes son os 7 encontros que si ou si debes apuntar no teu calendario deste verán.

O Varadero Fest

A segunda entrega deste festival de música urbana terá lugar o 10 de xullo no Parque de San Bartolomeu – Meira, con caras coñecidas do xénero, como Deva & The Divas, Confraría Chalana e Brava, a partir das 20:00 horas e con entrada de balde. A localización deste evento pon á disposición da música un enclave natural inigualable, onde converxen a cultura do hip hop e a paisaxe das Rías Baixas; a modernidade e a vangarda musical co amor e respeto pola natureza propia.

Noite de Fado

O programa deste ano incorpora a novidade “Noite de Fados” para traer á nosa Ría o mellor da música portuguesa. O 4 de agosto, a partir das 21:00 horas, deixarase escoitar no Eirado do Ferreiro. Todavía non hai grupos confirmados para este evento.

Moaña aposta por unha Noite de Fados para a súa programación cultural // iStock/ URF
Moaña aposta por unha Noite de Fados para a súa programación cultural // iStock/ URF

Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

Unha cita das coñecidas en Galicia é o Encontro de Embarcacións Tradicionais, que celebra este ano a súa decimoquinta edición entre os días 5 e 8 de agosto, esta vez na vila mariñeira de Moaña: “un evento que olla dende a contemporaneidade pola posta en valor e preservación da cultura mariña tradicional galega”,según expón a organización na súa páxina web.

Ademais, estes días veñen con máis música. O día 6 de agosto ás 22:30 horas Isga Collective estará en concerto no Paseo Marítimo. Ao día seguinte, o 7 de agosto, á mesma hora e no mesmo lugar, a convidada será Guadi Galego.

Festival de Jazz

Nas xornadas do venres 13 e do sábado 14 de agosto a vila poderá escoitar o cantar de saxofóns e clarinetes, grazas ao V Festival de Jazz de Moaña, que ocupará o Arboredo da Xunqueira dende as 21:30 horas. O evento porá banda sonora a unha fermosa posta de sol sobre a ría, acollida baixo a natureza desta localización.

Imaxe da primeira xornada do Festival de Jazz de Moaña // DIEGO SEIXO

Festival Intercéltico do Morrazo

Tras máis de trinta e cinco edicións, o Festival Intercéltico é un bo coñecido para todos e todas. O fin de semana do 30 de xullo ao 1 de agosto virá en compañía de Xosé Lois Romero e Aliboria (venres 30 ás 22:30 horas), Xisco Feijoó (sábado 31 ás 22:30 horas), Susana Seivane (1 de agosto ás 12:30 horas) e Felpeyu (domingo 1 de agosto ás 22:00), no Paseo Marítimo.

Moaña Son de Cine

Moaña volve un ano máis co seu programa Son de cine, a través do que proxectará  películas ao aire libre en diferentes zonas da vila. O Son de cine terá lugar ao longo dos tres meses de verán e a primeira cita está programada para o xoves día 15 de xullo ás 22:30 horas no parque infantil de Tirán. Outras datas con proxeccións son as seguintes. En agosto, o sábado 7 (Adro da Peregrina), o venres 13 (Aparcadoiro Pazo do Real), o venres 20 (Aparcadoiro C.C. Daniel Castelao) e o venres 27 (CEIP Domaio - Moaña), sempre ás 22:30 horas. En setembro, o venres 3 ( Adro da Capela dos Milagres) e o sábado 4 ( Adro de San Martiño), a cita adiántase ás 22:00 horas.

Rutas Descubre Moaña

Un dos programas de visitas guiadas gratuítas máis valorados das Rías Baixas regresa este verán cunha nova batería de propostas, a máis importante dos últimos anos, con até 15 rutas programadas ao longo do verán en Moaña. Algunhas a destacar son Descubre a Moaña mariñeira, ruta literaria de “O último barco” ou as canteiras do litoral. Estas andainas poderán realizarse ao longo dos tres meses de verán, catro delas en xuño, catro en xullo e sete en agosto.

Outras citas destacadas

Ademais de todos os eventos e citas mencionadas, o Concello de Moaña conta con outras moitas festas e actividades programadas para os próximos meses. A Travesía a nado Fisgón de Moaña ou a festa popular de Bronlle (ambas o 15 de agosto), a Feira do mel (22 de agosto), a Feira ECOArtesá (12 de setembro) ou mesmo o Entroido de verán (17 e 18 de setembro). Apunta todas no teu calendario para non perderte nada, xa non tes escusa para quedar na casa estes meses!

Salir de la versión móvil