Festival para “parar o pelotazo” do proxecto de Mouriño en Mos

Publicidad

Mos segue albergando diferentes accións como medida de protesta co proxecto de Carlos Mouriño de facer un macro centro comercial nos montes de Tameiga. Tras o pleno bronco de finais de setembro, o Centro Cultural de As Pedriñas celebra este sábado 16 de novembro un festival que leva por nome “Paremos o pelotazo”, un evento que xurde “en defensa e protección do monte contra o pelotazo urbanístico que queren acometer”. Dende a organización apuntan que é unha cita de carácter solidaria na que todo o diñeiro recadado destinarase para sufragar a loita dos veciños para que non se leve a cabo este proxecto que encabeza o presidente do club vigués, Carlos Mouriño.

Este festival solidario-protesta comezará a partir das 21:30 horas e contará coas actuacións de Os Putos, O Puto Coro do Exército Froilanista e Os Residuos Atractivas. As tres propostas permitirán gozar dunha cita chea de punk, hardcore e no que será moi difícil que as pernas estean quietas. O prezo das entradas en taquilla é de 8 euros mentres que a entrada anticipada custa 6 euros e se pode adquirir na cantina de As Pedriñas.

O Puto Coro do Exercito Froilanista chegará ao escenario mosense co seu autoproclamado “monarko punk” con temas como “Peguei-me un tiro no pé” ou “Gora Froilán”. Defínense como a banda oficial do Partido Froilanista, cuxa Sagrada Misón é devolver a coroa ao Reino de Galiza e sentar a Froilán III no trono de granito.

https://www.youtube.com/watch?v=mXBc6XpgdJo&t=

Os Putos son actitude, diversión e frescura. Son unha banda criada para desfrutar ao vivo e non parar de bailar. Letras irónicas provocadoras e políticamente incorrectas e sempre comprometidas. O conxunto está composto por Elías (guitarra e coros), Tamara (teclado e coros), Kino (batería), Sérxio (baixo e voz).

Os Residuos Atractivas completa a programación deste evento no que poderemos gozar do seu son folk e punk. A banda está formada por Nacho Aluarez (acordeón, percusión, voz e coros), Álvaro Lamas (zanfona, percusión, voz e coros), Evaristo Alejos (gaita, baixo eléctrico, percusión, voz e coros), María Álvarez “Masha” (gaita, arpa, percusión, voz e coros) e Juan McKinnon (batería). Os asistentes desgrutarán dos temas do seu disco “Unha noite xa é bastante” que saíu á luz o pasado 2018.

Salir de la versión móvil