O SonRías Baixas chega como "petisco" este xoves a Vigo con SonDaRúa

Publicidad
El público del SonRías Baixas 2018 // ÓSCAR CORRAL
 ACTUALIZACIÓN  
O SonRías Baixas cancela todas as súas festas de presentación por mor do coronavirus.

O Festival SonRías Baixas de Bueu espállase esta primavera por toda a xeografía galega, celebrando festas de presentación ao longo deste mes de marzo en Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Lugo, Bueu e Mos, ademais de en Ponferrada e en Porto.

En Vigo, a cita será na Sala Master, este xoves día 12 de marzo, coas actuacións dos ponteareanos SonDaRúa e de Ninhodelosrecaos Dj e as entradas xa están á venda na web sonriasbaixas.info a un prezo de 12€ máis gastos. Na billeteira custarán 15€.

A organización do evento quere converter estes "petiscos de música e filosofía SonRías" nun punto de encontro entre artistas e público, "unha excusa perfecta para non pasar un ano sen vernos" ao tempo que achegan a súa proposta musical e festiva a novos públicos dentro e fóra das nosas fronteiras.

SonDaRúa é un dos grupos revelación do rap galego dos últimos tempos. Creado en Ponteareas no 2016, o seu estilo desenfadado con bastante contido instrumental transmite bo rollo, mais cun trasfondo maioritariamente reivindicativo. A súa música bebe da ironía e da musicalidade da tradición oral popular galega e combínaa co hip hop máis reivindicativo, de crítica social e contido político.

Baixo a identidade de Ninhodelosrecaos DJ escóndese Rubén Sierra, creador, cantante e guitarrista de La Pegatina que tralos pratos é o rei do World Eclectic Beat, unha mestura de estilos que abrangue dende o dancehall ao trap, pasando polo mombathon, a salsa, o tropical bass ou o ska. Sierra é un dos Djs residentes das famosas festas Canibal Apolo de Barcelona, onde tamén dirixe e conduce o programa de radio Casa Babylon, que emite a emisora autonómica Icat FM. Ninhodelosrecaos DJ é sinónimo de festa, diversión, sorpresas e enerxía.

O Festival SonRías Baixas celebrará a súa 18ª edición os 30, 31 de xullo e 1 de agosto de 2020 en Bueu, cun cartel no que destacan os SKA-P que traerán ao SonRías Baixas toda a enerxía festiva dos barrios obreiros co seu inflamable directo e coas súas cancións, xa convertidas en himnos; El Drogas, que fora cantante e baixista de Barricada e un dos máximos representantes do rock español; o punk-rock dos Desakato; e o mellor rapeiro en lingua hispana do mundo, Kase.O. Xunto a eles, Rayden, El Kanka ou Sara Hebe, entre outros.

Salir de la versión móvil