Xa son 18 anos os que a Festa do Polbo de Bueu leva enchendo bandullos cun dos produtos máis desexados do noso mar. Do 11 ao 13 de agosto, o Concello e a Confraría de Pescadores San Martiño renden tributo ao admirado cefalópodo nunha edición na que os asistentes poderán atopar máis dunha vintena de receitas diferentes.
A festa arrancará no Campo da Estacada ás 19:30 horas do venres coas diferentes especialidades e, como non, do prato rei, o polbo á feira. As racións serviranse tamén o sábado de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00, e o domingo, das 12.30 a 16.30 e das 20.00 a 00.00 horas. O custe dos pratos irá de 5.00 € a 8,50 €, segundo a ración.
Trátase dunha celebración “non só gastronómica, senón tamén de promoción do produto da nosa ría”, destaca a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo. Por iso, e co obxectivo de que o polbo certificado coa marca PescadeRías sexa valorizado, organizarase este xoves, 10 de agosto, unha visita á Praza de Abastos de Bueu, na que os asistentes terán a posibilidade de aprender sobre a pesca e a venda deste produto, así como das diversas formas de cociñalo. Para esta actividade contarase coa colaboración de PescadeRías e do restaurante O Rincón de Cela.
Un polbo con boa música
A que será a festa máis especial e emotiva, inclúe a actuación da Banda de Gaitas Manxadoira o sábado, seguida do pregón a cargo de David Novas, modelo e actos nado en Bueu e que ten participado en series tan recoñecidas como Serramoura ou Vidago Palace, ademais de ser da canteira do grupo de teatro do IES Johán Carballeira coñecido como Comediantes Anónimos.
Neste senso, Félix Juncal, alcalde da vila, asegurou que, “esta edición será a máis especial, xa que se fusionará comida, espectáculo e divertimento”, e que se trata dun evento moi consolidado que xa está no imaxinario colectivo.
Dado que o ano pasado se contou co grupo Treixadura e resultou unha experiencia complementaria moi interesante para este evento, desta volta será a quenda de Pelepau, un grupo vigués conformado por doce percusionistas todos eles mestres en escolas e agrupacións de música tradicional de recoñecido prestixio nacional.
A actuación terá lugar o domingo, 13 de agosto, ás 19.30 horas, na mesma carpa do Campo da Estacada.