O Concello de Bueu prepárase xa para unha das súas citas máis importantes de todo o ano: as Festas do Carme. A programación comezará xa o venres 14 de xullo e prolongarase até o domingo 16. Durante toda a fin de semana a verbena irá acompañada das orquestras Israel e Solara (venres), Canela e Nebraska (sábado) e Trébol (domingo). Os actos festivos comezarán e rematarán con tirada de fogos de artificio, dando inicio na noite do venres e rematando na do domingo, cunha duración de 15 minutos na praia da Banda do Río.
Porén, un dos maiores atractivos e a elaboración internacional de alfombras florais do Carme, que este ano se centrarán no mar como idea principal. Unha cita de "gran importancia xa que dá visibilidade a todo o que se fai en Bueu", segundo apuntou a presidenta da Asociación Cultural das Alfombras, Carmen Santos.
Xunto aos alfombristas de Bueu, este ano participarán delegacións de Noto (Sicilia), Castropol (Asturias), Cataluña, Rianxo e Cangas, quen elaborarán estes tapices florais dende a madrugada do sábado no contorno da lonxa.