Ponteareas espera que máis de 50.000 persoas visiten as alfombras florais do Corpus

Publicidad

Ponteareas inicia a conta atrás para celebrar unha das súas festividades máis importantes. Un ano máis, como vén pasando dende fai dous séculos, todo o pobo desempeña un traballo titánico para poder cubrir as rúas do municipio cunhas alfombras florais declaradas Ben de Interese Turístico Internacional.

As alfombras florais do Corpus Christi de Ponteareas son o reflexo da capacidade dun pobo de transmitir unha herdanza e sabedoría popular que entraña diferentes técnicas de deseño e coordinación de equipos que durante máis dun mes ocupan o tempo dos e das alfombristas ponteareás, todo isto transmitido de xeración en xeración.

O alcalde da vila, Xosé Represas, presentou onte a festa en Santiago de Compostela onde afirmou que “Ponteareas estase a preparar para ter todo listo para a chegada dos máis de cincuenta mil visitantes que se espera se acheguen” a vila a noite do dous –cando se elaboran- ou o tres de xuño. Este ano darase un paso máis na mellora da atención ofrecida aos turistas e cidadáns e incorporarase un punto de atención turística á praza de Bugallal.

Por outra parte, o rexedor ponteareán presentou á pregoeira das festas do Corpus Christi 2018 nun acto celebrado na biblioteca Consello da Cultura Galega. A actriz e presentadora de televisión, Nieves Rodríguez, será a encargada de ler o pregón o vindeiro sábado 26 no auditorio municipal de Ponteareas.

Veciña da comarca do Baixo Miño, Nieves Rodríguez, garda entre as súas lembranzas as primeiras visitas ás alfombras florais e o grato recordo que lle deixou o traballo colectivo e a unidade dun pobo para crear arte.

Nieves Rodríguez adiantou que no seu pregón as xentes de Ponteareas e os seus e súas alfombristas terán especial protagonismo.

Salir de la versión móvil