Fillas de Cassandra, un dos proxectos musicais máis prometedores do panorama galego emerxente, publica este venres 24, o seu primeiro traballo discográfico. A partir das 00.00 horas, o público poderá escoitar nas diferentes plataformas dixitais ‘Acrópole’, un álbum conceptual no que o dúo conformado por María Pérez (MaríaSOA) e Sara Faro viaxa polos textos clásicos para poñer en relación ás personaxes da mitoloxía grega co mundo actual, ao que devolven unha ollada feminista e contemporánea a través da música.
O dúo estará esta medianoite na Sala Doppler para escoitar, "xunto a toda a peñita de Vigo" que se acerque á localización, o disco recén publicado nas plataformas dixitais. Non será a única inciativa que Fillas de Cassandra teñen preparado para este venres, xa que tamén estrearán un vídeo que recolle a interpretación en acústico tanto de ‘Eco’ coma de ‘Acrópole’, e na que María Pérez e Sara Faro incorporarán novidades como técnicas extendidas nun piano de cola ou mesmo un coro.
Reinterpretando mitos
‘Acrópole’, producido por Berto e publicado da man de Tremendo Audiovisual, fía a súa narración a través de oito relatos actuais que asocian ás figuras de Antígona, Cassandra, Dafne, Eco, Pandora, Syrinx ou mesmo de Lisístrata. “Con todas elas chegamos a conectar, dalgún xeito, con situacións que vivimos as mulleres hoxe en día e que, a pesar dos centos de anos que pasaron desde que se concibiu a escrita até a actualidade, seguen a acontecer”, sinalan María Pérez e Sara Faro. “Quixemos facer ese paralelismo entre esas personaxes e o noso mundo, e darlle unha volta desde a nosa particular visión, coa nosa música, aos diferentes mitos”, afirman. “Toda a nosa historia está feita con sangue” é a frase que Fillas de Cassandra toma como punto de partida para trasladar a súa particular recreación dos mitos. É o inicio de ‘Antígona’, o primeiro sinxelo que sacaron. É o tema que abre o disco, e xurde após a lectura de ‘La tumba de Antígona’, de María Zambrano. Un canto ‘á capella’ ao que se suma a electrónica, e que esboza tanto as intencións da produción, froito da alianza con Berto, coma do propio proxecto musical. Así, de seguido, toma o relevo ‘Lisístrata’, inspirada na protagonista da obra de Aristófanes. Instigadora dunha folga sexual para intentar finalizar coa guerra entre Atenas e Esparta, a protesta dá pé a unha unión na que as mulleres toman a acrópole. Nova declaración de intencións de Fillas de Cassandra, que poñen voz á Lisístrata de hoxe en día. E, aínda que María e Sara salientan a diferenza, como “Fillas de”, na súa pel “gardan o legado” e chaman ao encontro.
Ao longo de ‘Acrópole’, Fillas de Cassandra reinterpreta os diferentes mitos. É o caso de ‘Pandora’, un tema percutivo que nace da lírica propia e no que fan unha analoxía coa Eva do Antigo Testamento; ou mesmo de ‘Dafne e Syrinx’, que escapan de Apolo e Pan, dúas historias que o dúo transforma nunha carta de amor entre as ninfas. Tamén outorgan un espazo propio para ‘As Moiras’, un tema cuxa música toma coma referencia a Muiñeira de Sampaio; ou lembran o mito de ‘Eco’ a través dun tema que agroma paseniño desde un solo de piano e no que as repeticións e os efectos sonoros se elevan para facer vibrar as e aos ouvintes, á vez que lembran que foi Eco “quen fixo soar a nosa voz”.
O primeiro disco de Fillas de Cassandra inclúe tamén un tema homónimo, chamado a se converter nun auténtico himno do empoderamento ao berro de “Esta é Cassandra!”, tras salientar como tentaron calar e restarlle credibilidade mais, tal e como canta o dúo, “aquí estamos nós”. Finalmente, chegan á ‘Acrópole’. A última peza, situada no cumio do álbum, é o ramo do mesmo: o tema parte do piano e as voces, en conxunto, ás que suman a percusión e os sintetizadores para recoller, nunha única pista, o propio concepto do disco
Presentación do disco na Sala Capitol
O relato do álbum trasladarase aos escenarios nun directo que terá unha fonda carga teatral. “Tanto a nosa formación como o noso xeito de entender a música teñen unha estreita vinculación coas artes escénicas. O noso disco é moi narrativo e queremos que así sexa a presentación ao vivo do 4 de marzo. Tentaremos transformar a Sala Capitol para que o público tome a acrópole”, asevera o dúo. As entradas para a cita, que terá lugar o sábado 4 de marzo, a partir das 21.00h, e na que tamén se dará a coñecer a nova cooperativa cultural Nave de Lata, conformada polas promotoras LunedaProducións e Tremendo Audiovisual, xa están á venda.