Fillas de Cassandra vén de pendurar o cartel de "entradas esgotadas" para a presentación no seu novo directo, Últimas Dionisíacas, que terá lugar o 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo. En menos de 10 días, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro vendeu os 1.400 billetes dispoñibles para a cita; o que dá boa conta do momento que está a vivir o grupo, a gran revelación da escena musical do pasado 2023 tanto polas súas letras directas como pola forte conexión co público.
Últimas Dionisíacas é a nova proposta escénica e musical de Fillas de Cassandra, na que as artistas farán unha revisión dos temas máis recoñecidos do seu primero LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente; ademais de recuperar algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e avanzar outros inéditos para o público. Neste novo directo, a luz e a escenografía terán un papel moi relevante; e o dúo estará acompañado por outras dúas músicas sobre o escenario (Tania Caamaño e Marina Vidal). Alén deste formato, na estrea das Últimas Dionisíacas o vindeiro 16 de febreiro, Fillas de Cassandra contará coa colaboración de diversas artistas cuxas identidades aínda non saíron á luz.
“Últimas Dionisíacas é un espectáculo que aposta polo inédito, que existe só no aquí e agora do directo, sen chegar a reproducirse nunca. Cantos efímeros, revisitacións da Acrópole e parte do que ha de ser o noso próximo traballo discográfico convive nunha única escena atravesada pola luz, a escenografía e moito do in-desvelable”, explica o dúo.
Así, neste novo directo, concibido por Sara Faro e María SOA como un “festexo colectivo e catártico, que só pode acontecer na convivencia entre o público e o palco”, a luz e a escenografía terán un papel moi relevante. Ademais, entre as novidades da proposta, o dúo estará acompañado doutras dúas músicas (Tania Caamaño e Marina Vidal), apostando así pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vocais en rigoroso directo, mais sen esquecer as bases electrónicas producidas por María SOA e Berto.