O Concello de Nigrán, dentro da súa programación de outubro de recuperación da memoria histórica, conmemorará este sábado, 14 de outubro, o 81º aniversario da 'Volta dos 9'. Os actos constarán dunha ofrenda floral ás 12:30 horas no xardín da memoria situado diante do Pavillón de Panxón.
Xa ás 13:00 horas terá lugar o concerto da Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia no mesmo lugar. Ao acto, aberto á toda a veciñanza, acudirá o goberno de Nigrán, familiares das vítimas, representantes dos mariñeiros de Panxón e das entidades veciñais e culturais da parroquia. O Concello de Nigrán participará tamén ese día xunto ao IEM nos tradicionais actos no Cemiterio de Sabarís e na curva da Bombardeira en Baiona.
“O tráxico suceso marcou á comarca durante xeracións e non se pode esquecer nunca, consideramos unha labor das institucións manter a Historia sempre viva para que así non se repita”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán e historiador que precisamente recolle este suceso nunha das súas obras.
O asasinato tivo lugar o 15 de outubro de 1936, cando se executaron a nove veciños do Val Miñor (cinco deles de Panxón) como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baiona.
Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaron con esmero aos autores, estas sempre volveron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquelo que sucedeu.
Mostra sobre a represión nas mulleres
Este venres ás 20:00 horas no Auditorio Municipal coa inauguración da exposición ‘Rexas, Mulleres baixo o terror franquista’comisariada por Montse Fajardo a través da Deputación de Pontevedra.
A mostra conta a historia da represión rexistrada en Pontevedra tras o golpe de Estado de 1936 dende o punto de vista das mulleres. Está disposta en 12 paneis con 78 fotografías e dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, o segundo para as diferentes tipoloxías de represión e unha terceira e última parte dedicada a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindible á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como ao seu protagonismo na transmisión da memoria.
A programación do mes de outubro relativo á recuperación da memoria histórica abrangue diferentes actos que van dende proxeccións documentais até concertos pasando por presentación de libros e coloquios. Podes consultalos aquí.