Folk para a mocidade como previa ao San Martiño de Moaña

De izq. a der. Pablo Ríos, concelleiro de Mocidade, Elisabet Nores, membro da comisión, Salvador Meira, concelleiro de Cultura, e Toñi Nogueira, membro da comisión.

Publicidad

Moaña aposta por comezar o San Martiño, ou a súa previa, co folk e a mocidade. O concello e a área de mocidade da Comisión de Festas decidiron este ano innovar e apostar polo folk no que bautizaron como “Día da Xuventude”.

“Algo distinto, diferente e pensado para a xuventude”, así define Elisabet Nores, da comisión de Festas do San Martiño, este “Día da Xuventude” que terá lugar o xoves, 9 de novembro. Non se trata de modificar unha aposta que xa funciona, o tradicional San Martiño coas súas carpas, os seus furanchos e as verbenas coas diferentes orquestras, senón de introducir “maior variedade para comezar a festa”, en palabras de Nores.

“Tíñamos claro que queríamos cambiar a política de gasto e dedicar a subvención da que dispoñemos por ser festa de Interese Turístico Galego a apostar pola música tradicional e enxebre de Galicia”, aclara o concelleiro de Cultura, Salvador Meira.

Esta primeira edición do Día da Xuventude comezará ás 20:00 horas cun son tradicional da man dos Gaiteiros de Moaña e os seus preto de 40 membros dirixidos polo mestre gaiteiro Xavier Blanco.

Segundo avance a noitiña, o folk irá mudando para pasar do máis convencional ao máis innovador e transgresor. Ás 21:00 horas chegará a quenda de Pelexo de Ghaita e o seu acústico de gaitas, bombo e pandeireta. Os vigueses Fol-k de Coiro tomarán o relevo ás 21:30 horas coa súa música tradicional, pero con arranxos propios e con gran variedade de instrumentos no escenario.

Os dous últimos grupos en pasar por esta primeira edición da festa serán os de Pelexo de Ghaita, ás 23:00 horas e, por último, Fanfarria Taquikardia, “rapaces das Rías Baixas de Barsovia, con ritmos balcánicos e melodías Klezmer”, tal e como se definen, que achegarán a troula e a loucura ás 23:30 horas para poñer punto e final a esta xornada, preludio do San Martiño. Unha noite para a mocidade, pero tamén para todos e todas as moañesas, en verbas do concelleiro de Cultura, Salvador Rodríguez.

Salir de la versión móvil