O Centro Social do Mar acollerá este sábado, 23 de setembro, a representación teatral “O esperpéntico caso do obreiro do futuro”, que terá lugar a partir das 21 horas da man de Lautana de Teatro. Esta actividade, que inaugura a tempada outonal e se enmarca no programa municipal de Sábados de Teatro, terá un custe de entrada de 3.00 euros.
Nesta obra, o público poderá reflexionar e gozar dunha comedia de trama subversiva onde un obreiro se atopa inmerso nun xogo no que a súa muller é a protagonista e un funcionario do Gran Estado é a conciencia do poder establecido. Da autoría de Juan Mariñas e Luis Vivanco, conta coa interpretación de nomes como Paco Alvarellos, Isabel de Toro e o mesmo Juan Mariñas. A obra, non exenta de crítica social, realiza unha reflexión sobre a seguridade e a súa influencia nas emocións do ser humano.
Sábados de teatro en Bueu
A obra insírese no proxecto Sábados de teatro, posto en marcha polo Concello de Bueu coa colaboración da Deputación de Pontevedra e que supón un investimento de 6.000 euros. Ata o de agora, as obras que se puideron ver foron “O que hai que ver”, de Fulano Mengano e Citano, “As do peixe” da compañía Contraproduccións e “Que é o que precisas?”, de Expresión Produccións.