O Fogar do Pescador de Vilaxoán acolleu hoxe a nova edición do festival Revenidas que se celebrará na localidade os próximos 8, 9, 10, 11 e 12 de setembro. O director Xoán Quintáns falou da programación do festival e das novidades que trae da man este ano. Revenidas volve adaptado pero mantendo a súa esencia. Recalcou que vai faltar a figura central do certame, que era a sardiñada, e tampouco haberá zona de acampada, pero na parte musical “imos ter un cartel moi de Revenidas e moi poderoso”, onde estará o mellor da música galega e algúns grupo de fora que xa teñen siudo aclamados en outras edicións.
Pero Revenidas non é só música. Vilaxoán é protagonista indiscutible do festival, como queda plasmado no roteiro guiado por Xurxo Souto que terá lugar o mércores e que rematará cun showcoking de cociña mariñeira, e tamén nos Concertos a Bordo, nos que ademáis da músicas de grandes artistas galegos haberá obradoiros de cultura mariñeira e visitas a bateas.
Entre as novidades desta edición, haberá dúas grandes pantallas en cada escenario nas que se proyectarán os concertos con realización en directo. Outra das novidades é o Revenidas Ilustra. Quince artistas realizarán unha ilustración de cada un dos grupos que participan no festival. Cada unha desas láminas será asinada polo artista e subastarase a través das redes de xeito solidario a favor da entidade que decidan o propio artista e o ilustrador.
O Revenidas implanta este ano un plan de igualdade e sostibilidade. Un compromiso que, no eido musical, queda reflectido na numerosa presencia feminina entre os artistas que conforman o cartel, pero tamén no resto dos seus ámbitos: traballadoras, seguridades, ilustradoras, decoradoras, comunicación…
O Revenidas contará con tres escenarios: Xacobeo 21-22, FestGalicia e Deleite, este último na praza Rafael Pazos e orientado a actividades dirixidas a público familiar. Revenidas tamén dará o salto aos novos mundos virtuais, coa creación dun podcast diario, ‘Ondiñas’, que se emitirá a través das redes do Spotify do festival, no que o xornalista e crítico musical Carlos Crespo entrevistará aos artistas, patrocinadores e traballadores do evento. Un podcast que a organización agarda manter no tempo, dándolle contidos e presencia todo o ano.
O festival acollerá a 1.500 personas en dous sectores diferenciados, cada un deles con todos os servizos e con todas as medidas sanitarias que contempla a normativa vixente. As entradas para asistir poden adquirirse na web oficial do festival (premer aquí) a un prezo de 20 euros máis gastos de xestión. Para os menores, o prezo será de 12 euros.
O director do festival tamén quixo destacar que o Revenidas “volve coa intención de darlle un pouco de pulo ao sector cultural, que é un dos máis afectados pola pandemia, e leva un ano sufrindo restricións e perdas de ingresos”. Acto seguido, o director do certame, foi dando paso ás distintas autoridades presentes responsables das entidades colaboradoras co festival.
Deste xeito, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, na liña de Quintás, fixo fincapé no momento de incertidume que leva sufrido o eido cultural dende hai 18 meses. “O Revenidas soubo adaptarse pero mantendo a súa esencia. Representa eses bos valores para os que cremos que os festivais son unha boa plataforma para a difusión cultural, a lingua galega, a igualdade ou o coidado do medio ambiente.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quixo darlle ás grazas ao Revenidas por non renderse. “Adaptarse e manter a edición do 2020 foi moi importante para poder ter agora esta do 2021 con esta certa normalidade”, sinalou. Tamén puxo en valor que moitos dos grupos que van a participar no Revenidas son de mulleres. “Mulleres galegas que están ocupando o centro da música. E cumpre poñelo en valor porque a porcentaxe de festivais nos que hai un número igualitario de mulleres é moi escaso”, rematou.
Para finalizar, interveu o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, quen quixo destacar que “a cultura é absolutamente segura”. “Dixémolo o ano pasado na presentación do Revenidas e o volvemos a dicir agora. E máis cando, coma neste caso, unha organización se esmera durante todo o ano en adaptarse estritamente aos protocolos sanitarios”, salientou. Tamén destacou a celebración do Revenidas como un eixo principal da dinamización turística da zona.