“Dous días grandes, grandes e grandes cunha programación marabillosa na que todo o mundo vai poder levar para a casa moitos elementos que identifican a Rosalía de Castro”. Así describiu a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada das deputadas de Cultura e Lingua, Victoria Alonso, e María Ortega, os actos que celebrará a institución provincial os días 23 e 24 de febreiro nas sedes de Pontevedra e Vigo para conmemorar o Día de Rosalía.
O xoves, 24 de febreiro ás 19:00 horas, a sala Rosalía da Sede da Deputación en Vigo (rúa Eduardo Chao, 17) acollerá os actos na cidade olívica. A Deputación programará a actuación musical do grupo de pandeireteiras Ialma, unha degustación do “Caldo de Gloria”, baseado na receita do libro “Follas Novas”, a lectura do manifestó e entrega de premios dos gañadores do concurso A Nosa Rosalía.
O público non irá á casa coas mans baleiras, xa que recibirá como obsequio exemplares da camelia, ‘Rosalía de Castro’ que forma parte do Xardín de Camelias con Nome de Muller do Castelo de Soutomaior. Tamén recibirán plantas desta camelia os centros gañadores do concurso infantil para plantalos nos recintos escolares e alí sementar e ver medrar a esencia de Rosalía.
Para poder asistir ás celebracións a Deputación vén de habilitar un formulario de inscrición na súa páxina web.
Programación en Vigo
Vigo, 24 de febreiro ás 19:00 horas, na sala Rosalía da Sede da Deputación en Vigo (rúa Eduardo Chao, 17)
- Lectura do manifesto de Rosalía proposto pola AELG (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega) por parte de Miriam Ferradáns en Pontevedra e Marta Dacosta en Vigo. Entrega do manifesto ao público
- Actuación musical do grupo de pandeireteiras Ialma, cuarteto belga de pandeireteiras que se identifíca con Rosalía, son fillas de emigrantes refuxiados en Bélxica ás que lles contaron pouco a pouco e con moito medo os seus sufrimentos pero tamén o amor polo seu país, ao que, cada ano, falaban de volver.
- Anuncio das e dos gañadores do concurso A Nosa Rosalía coa lectura da acta
- Participación de alumnado e profesorado dos colexios premiados da provincia por streaming para presentar o vídeo que realizaron
- Entrega de camelias do cultivar ‘Rosalía de Castro’ e do primeiro exemplar da Colección Medal de poesía feita por mulleres da Editorial da Deputación, titulado ‘Violetas no asfalto’, de Lucía Novas
- Degustación do Caldo de Gloria elaborado e servido polo alumnado do CIFP Carlos Oroza en Pontevedra e do CEFP Manuel Antonio en Vigo, baseado na receita de Rosalía no libro ‘Follas Novas’.
Concurso “A Nosa Rosalía”
Tamén o serán as nenas e nenos da provincia. A Deputación lanzou a segunda edición do concurso “A Nosa Rosalía”, que busca achegar esta figura ao público máis novo e cuxos traballos gañadores se anunciarán durante os actos. Esta edición o concurso adopta o formato musical e cada aula ou grupo escolar pode presentar un vídeo breve coa súa proposta de poema de Rosalía musicado, acompañado opcionalmente dunha coreografía, canto, etc. Pode participar todo o alumnado dos centros de educación primaria de maneira colectiva (por aulas ou grupos e sen límite por centro), e establécense as categorías “Campaniñas” (de 1º a 3º de primaria) e “Airiños” (de 4º a 6º de primaria).
Haberá tres premios por categoría. Cada un recibirá un lote de libros e, a maiores, o mellor poema musicado de cada categoría gañará unha actuación no seu centro educativo da representación de monicreques “A viaxe de Rosalía”, na que Larraitz Urruzola dará a coñecer parte da obra rosaliana e fragmentos da súa biografía. A Deputación recibirá os traballos ata o 17 de febreiro a través do enderezo anosarosalia@depo.gal.
Actividades en “todo o ano”
A deputada de Lingua María Ortega, destacou que o departamento vai encher de ‘contido rosaliano’ a Deputación non só o Día de Rosalía, senón todo o ano xa que a autora “é a nosa escritora galega máis universal e tamén un símbolo nacional da Galiza”.
Ortega explicou que nas celebracións provinciais serán as autoras Míriam Ferradáns en Pontevedra e Marta Dacosta en Vigo as que lerán o tradicional manifesto da entidade, escrito este ano por Beatriz Maceda Abeleira baixo o título ‘Pensarte libre’, que segue o lema da AELG para 2022 de #SementadePensamentos. O manifesto entregarase en formato físico nos actos institucionais e será difundido nas redes sociais e tamén na web depo.gal.
Seguindo unha proposta da Fundación Rosalía de Castro, imprimiranse e distribuiranse entre os concellos e a hostalería da provincia milleiros de unidades de manteis individuais que inclúen o poema ‘Miña casiña, meu lar’.
O Día de Rosalía adiouse oficialmente ao 23 de febreiro tralo acordo da Fundación Rosalía de Castro e as principais institucións implicadas, baseándose nos resultados do traballo da investigadora Sagrario Abilleira no que se acredita que este foi o día de nacemento da autora.