O festival Revenidas, que celebrará a súa nova edición do 9 ao 11 de agosto, anuncia a incorporación de cinco novas bandas para comezar a conformar o seu cartel final. Nesta ocasión o festival Vilaxoanés confirma a música xitana da vertente ucraniana dos Cárpatos de Gogol Bordello; o rock, punk e metal con crítica social de NAO; a Doctor Krápula, unha das bandas de rock máis importantes e influentes de Latinoamérica; a electrocumbia e música tradicional latina de Gambeat e o punk celta de Bastards on Parade.
Así, estas cinco novas bandas súmanse aos italianos Talco; aos lendarios Gatillazo; aos arxentinos Los Caligaris; ao dancehall, punk e reggae de Mal Élevé; á música urbana de Tribade; a Valira, o novo proxecto de Juan Zanza, guitarrista da Raíz; ao cuarteto sueco The Baboon Show, a El Niño de la Hipoteca en formato eléctrico acompañado de Los Ratones, ao poder feminista e reivindicativo de Flow do Toxo, ao potentísimo punk e hard-core de Desakato e á cumbia e o reggaeton tropical de Los Jinetes del Trópico.
O modelo de combinar actividades de balde para público familar con concertos de pago seguirá sendo a base desta festa galega, que continuará na súa liña de explorar novos espazos con actividades vencelladas á vila e ao entorno no que se celebra. Os interesados e interesadas en asistir ao Revenidas 2019 poden mercar xa os seus abonos de tres días -con acampada incluída- por un prezo de 37 € máis gastos de xestión a través da páxina web do oficial.
Coñece as novas propostas do Revenidas
Gogol Bordello
Gogol Bordello respira ao ritmo que marca a música xitana da vertente ucraniana dos Cárpatos, o dub, o ska e, chegado o caso, ata a rumba ou a tradicional tarantella italiana. Se o escoitas, convérteste en fan ipso facto, iso e o que lle ocorreu a unha das súas máis ilustres admiradoras, a mismísima Madonna, que caeu rendida aos pes deste cíngaro de gran mostacho. Ten actuado nos mellores festivais do mundo (Reeding, Glastonbury, Alive Lisboa…). Ademais, a prestixiosa revista Rolling Stone cualificou o de Gogol Bordello entre os 20 mellores directos do mundo.
NAO
Con trece anos de traxectoria ás súas costas, NAO é unha banda de rock, punk e metal orixinaria de A Estrada (Pontevedra) que se caracteriza por ter cancións cheas de compromiso político e crítica social. Antes de que se retiren dos escenarios, o Revenidas será unha das últimas oportunidades para velos no directo da que denominan “A derradeira xira”.
Doctor Krápula
Doctor Krápula é unha das bandas de rock máis importantes e influentes de Latinoamérica, unha explosión de punk, cumbia, ska, hip hop e reggae combinada cunha postura social e ambiental nunha festa rebelde que desde o primeiro acorde acende o baile e leva á euforia aos seus seguidores e seguidoras.
Gambeat
Gambeat é o lendario baixista de Radio Bemba sound system e de La Ventura, que toca desde hai anos xunto a Manu Chao. Tamén é artista múltiple, director artístico e produtor realizador, deseñador e creador da súa propia liña de roupa. O seu Sound System permítelle vivir doutro xeito o seu amor pola música, percorrendo as súas viaxes e encontros a través dun conxunto mixto entre imaxe, música, festa e xenerosidade.
Bastards on Parade
Bastards on Parade é unha banda de punk celta formada en 2008 na Coruña. Aválanos máis de dez anos de carreira musical levando por todos os escenarios e festivais de Europa o seu particular estilo que mestura punk rock, Oi! e música tradicional galega.