A festa regresa á parroquia viguesa de Lavadores durante toda a ponte. Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, que este ano vai dedicado ao escritor Florencio Delgado Gurriarán, a Asociación Veciñal de Lavadores organiza unha festa de cinco días coa que pretenden retomar o ambiente festivo e as celebracións que non se puideron levar a cabo durante dous anos por mor da pandemia.
A Festa das Letras Galegas 2022 de Lavadores terá lugar no Parque de Barreiro, dende este venres, 13 de maio, ata o próximo martes, 17 de maio, día festivo en toda a comunidade galega. A celebración contará cun mercado con preto de 25 postos, entre os que se poderán atopar artigos de artesanía, como antigüidades, artesanías de barro, bixutería, coiro, xoguetes de madeira, cestería, xabóns artesáns, liño e prendas, artigos de cristal, complementos de prata, esencias naturais e adornos florais.
Neste mercadillo tamén haberá un oco para os postos gastronómicos cunha variada oferta que xirará en torno á gastronomía galega, como filloas, polbo, sidra galega natural, embutidos galegos e de León, pan, melindres, queixos galegos e asturianos, augardentes e licores galegos, cervexa artesáns, mel, postos de lambetadas e food trucks temáticas.
O mercado estará aberto dende as 11:00 ata as 22:00 horas todos os días e, ademais, haberá atracción para os máis pequenos e animación con música tradicional o venres, entre as 17:30 e as 19:30 horas, e unha posterior actuación a cargo do dúo D.Magos. O sábado será o turno do dúo La Rosa, o domingo da verbena Sensación, o luns actuará Salsa Costas e o martes, o espectáculos de Trío Bahía, dará por finalizada a festa.