Grande Amore e Berto, o novo xeito da música feita en Galicia chega ao festival Sonora’ 2.2

Publicidad

Grande Amore é a miña vida resumida en 30 e poucos minutos. Ten todas as miñas alegrías e as miñas penas, todo o duro, todo o romántico e todo o escuro que levo dentro cada día, para ben e para mal”. Neste termos se refire Grande Amore, o alter ego do músico de Burela Nuno Pico, ao seu traballo homónimo, nove cancións, que conforman, segundo o seu autor, “un disco de rock and roll, e encántame”, cheo de enerxía, entre a vulnerabilidade e a potencia máis rabiosa.

A mestura entre o post-punk, o synth-punk e as influencias da música galega de Grande Amore, sumaranse o 21 de abril á fusión orgánica entre o pop, a electrónica, o trap e o techno de Berto, a metade Verto, que logo da publicación en 2021 do seu primeiro traballo en solitario Viaxe ao espazo interior, lanzaba o mes pasado un novo E.P Bailar Chikito. Ambos os dous músicos serán os protagonistas de Sonora’2.2 que volverá encher de ritmos o teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria a partir das 17.30 horas, nunha nova edición do festival, que organiza a Vicerreitoría de Extensión da UVigo. Grande Amore será o primeiro en saír ao escenario, nun concerto que pechará Berto e que será gratuíto, con entrada libre ata encher a capacidade do teatro.

Propostas da nova etapa da música feita en Galicia

Berto e Grande Amore achegarán á comunidade universitaria e ao público en xeral unha mostra “da nova etapa da música feita en Galicia e que está sorprendendo ao mundo”, sinala o técnico superior de Actividades Culturais, Alfonso Caride, recalcando así, “unha vez máis”, a aposta da Universidade pola emerxente música galega”.

Tras unha serie de singles e EP,s previos, Grande Amore presentará o 21 de abril no teatro Vidal Bolaño o seu álbum debut, no que conflúen temas que abordan a desesperación existencial (Esta pena que a veces teño); a autoparodia (Non sei cantar) ou o goce (Vamos enchernos) a ritmo de guitarra, sintetizador e efectos vocais. Pola súa banda, Berto aproveitou o parón na carreira de Verto para seguir facendo música, cun traballo en solitario a finais do ano pasado e un E.P recentemente publicado, nos que o eclecticismo dentro da música urbana segue a ser a marca da casa. Á fronte da produción musical e á voz principal e coa colaboración estrela de Marinha, Berto mestura o analóxico e o dixital, acompañado dunha banda con Lorena “Cachito” á batería e María Soa nos sintetizadores.

Salir de la versión móvil