A Guarda celebra o San Roque ao son das bandas de música

Publicidad

O verán continúa na Guarda cunha programación cultural para todos os públicos durante a fin de semana, coa celebración da tradicional Festa de San Roque e unha nova edición do Festival de Bandas “Vila da Guarda”.

Mañá venres dará comezo a Festa na honra de San Roque na parroquia de Salcidos, coa celebración dunha churrascada amenizada polo Dúo D3 a partir das 21.00 horas. A romaría continuará o sábado, co pasacalles a cargo de Treboada Baixo Miño e, xa pola noite, a gran verbena coa actuación das orquestras Capitol e Yucatán. En Salcidos, e ao abeiro das súas festas grandes, organizan ao longo destes días unha mostra fotográfica con imaxes da parroquia e de escenas históricas da primeira metade do século XX.

Tamén o sábado, no Auditorio de San Bieito, terá lugar o XI Festival de Bandas “Vila da Guarda”. O concerto comezará as 20.00 horas e contará coa participación de dúas bandas galegas con moita tradición no noso país: a ourensá “A Lira de Ribadavia” e a Banda de Música de Chantada (Lugo), amais da Agrupación Musical da Guarda, organizadora do evento.

O domingo, derradeiro día das Festas de San Roque, celebrarase a misa na honra do santo, precedida pola presentación da Agrupación Musical de Taboexa na Praza do Coruto. Despois do acto relixioso, a agrupación ofrecerá un concerto no recinto das festas e, xa pola tarde, será a quenda das tradicionais poxas e a actuación dun grupo musical que porá fin aos tres días de celebración na parroquia guardesa.

Salir de la versión móvil