A homenaxe da Guarda a Rosalía de Castro

Publicidad

A Guarda conmemorará o 181º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro con seis días de actividades dirixidas ao alumnado escolar, o comercio e o público en xeral, coa xa tradicional "Semana por Rosalía" orientada á divulgación da figura e obra da autora, referente literario da nosa cultura.

As actividades comezarán este luns 19 de febreiro con "Cada día un poema", unha iniciativa do departamento de Cultura coa que se anima a compartir nas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) un poema diario da obra rosaliana facendo uso da etiqueta #Rosalíate. Ao tempo, a Concellería divulgará a través das súas contas oficiais nas redes sociais unha selección de versos da autora senlleira da lingua galega.

Os centros de educación infantil e primaria guardeses participarán na "Semana por Rosalía" coa elaboración duns debuxos dentro da iniciativa "Que che inspira?". Así, máis de 400 cativos e cativas de infantil e primeiros cursos de primaria basearanse nuns versos extraídos da poesía rosaliana para elaborar debuxos orixinais que poderán decorar ao gusto. As súas creacións serán expostas, a partir do 20 de febreiro, en espazos públicos da vila (Casa do Concello, Centro Cultural e Praza de Abastos) e naqueles comercios que se sumen á iniciativa.

O alumnado de 3º a 6º de primaria, pola súa parte, participará na elaboración dun "Mural por Rosalía" os días 22 e 23 de febreiro. A pintura realizarase a continuación da elaborada o pasado ano na rúa Vigo -á altura do colexio da Sangriña- en dúas fases, de xeito que unha voluntaria fará o deseño primario duns versos e, a continuación, as rapazas e rapaces serán os encargados de pintalo e decoralo.

O sábado 24 de febreiro, Día de Rosalía, celebraranse dúas actividades culturais dirixidas ao público familiar. Pola mañá, a Biblioteca Pública Municipal acollerá unha nova sesión de «Contos contados» centrado na vida e obra da poetisa. A actividade contará coa participación dun coñecido veciño da Guarda, Manuel Cadilla («Maruxo»), que lerá versos rosalianos e contará a vida da autora aos pequenos e pequenas participantes e as súas familias. A continuación, poderán participar no obradoiro de elaboración de marcapáxinas.

A actividade de peche desta «Semana por Rosalía» guardesa será o espectáculo de monicreques «A viaxe de Rosalía», da man da actriz e titiriteira Larraitz Urruzola. A obra narra as pasaxes máis importantes da vida da autora compostelá dun xeito ameno e accesible para os cativos e cativas a partir de 6 anos, a través da voz da súa madriña, Francisca do Campo. Ela amosará ao público, a través das ferramentas da narración oral tradicionais, a historia da nena que chegou a ser un símbolo na cultura galega.

O espectáculo comezará ás 19:30 horas no Centro Cultural. Alí, as entradas estarán dispoñibles a partir de mañá, 17 de febreiro, en horario de mañá (de 10 a 13) e, de luns a venres, en horario de mañá e tarde (de 10 a 13 e de 17 a 20).

Salir de la versión móvil