Hai un ano destacábamos o poder da resistencia do Festival Intercéltico do Morrazo. Nun 2020 marcado pola pandemia, o evento que se celebra en Moaña mostrou o seu poderío ante todas as adversidades. Saíu adiante con éxito. Como un símbolo de que a cultura si que é segura ante a COVID19. Meses despois, unha das citas musicais más importantes do ano en Galicia adáptase de novo. Recupera as súas datas tradicionais (última fin da semana de xullo) e aprende a lección da última edición mantendo a súa aposta pola sesión vermú e pola retransmisión en streaming a través da plataforma Tolemias.
A existencia da pandemia obriga a ter un Intercéltico cunha programación especial. Serán tres datas que estarán compostas por catro concertos. A programación presentouse esta tarde nos xardíns do Concello do Moaña. A alcaldesa Leticia Santos, acompañada do resto do comité organizador do festival, amosaban o cartel da nova edición. "É un cartelazo", sinalaba a rexedora. O "menú musical" contará coas actuacións de Xosé Lois Romero e Aliboria (venres 30 ás 22:30 horas), Xisco Feijoó (sábado 31 ás 22:30 horas), Susana Seivane (1 de agosto ás 12:30 horas) e Felpeyu (domingo 1 de agosto ás 22:00). “O vermú con Susana Seivane será un luxazo”, apuntou a alcaldesa.
A rexedora da vila morracense afirmou que o acceso a cada un dos catro concertos será de balde. A ausencia dun protocolo específico a nivel autonómico para este tipo de eventos provoca que dende o Concello de Moaña aínda non teñan pechado o protocolo que regulará a seguridade Covid desta nova edición do Intercéltico do Morrazo. Este protocolo será fundamental para decidir se finalmente se instaura a reserva previa vía online por cada concerto ou se se recupera o formato das edicións preCovid. A publicación da normativa para os espectáculos tamén permitirá coñecer o aforo das actuacións.
A alcaldesa Leticia Santos manifestou ás preguntas dos medios de comunicación que a intención do comité organizar e que, se as circunstancias sanitarias o permiten, o público estea de pé e non sentado. “Se podemos cumprir co protocolo de pé, apostaremos de pé porque o Intercéltico é un evento que a xente ten que desfrutar de pé, pero o importante é que o espectáculo se poida celebrar”, afirmou a rexedora.