A oferta cultural segue en Tui. Este venres, ás 21.30 h, o Teatro Municipal acolle “La Boheme” con Camerata Lírica, un espectáculo que pecha a programación cultural do outono neste espazo.
Baixo a dirección de Rodolfo Albero Camerata Lírica presenta, en formato concerto escenificado, unha das grandes obras mestras de Giacomo Puccini. Unha coidada escenografía, con vestiario de época, transportaranos até o Paris de 1830, durante os catro actos que dura a ópera. Sobre o escenario estarán Jose Quintín, Inmaculada Laín, Abelardo Cárdenas, Andreina Wilians, Rafael Casete, Joth Heat, Willingerd Samuel Gimenez, e Tatiana Studyonova.
“La Boheme” transcorre no barrio Latino de París achegándonos á vida duns soñadores bohemios e a historia de amor entre Mimi, unha modista, e Rodolfo, un poeta.
O espectáculo ten unha duración de 1 hora e 40 minutos sen descanso. Na xira que están a realizar por España están a colleitar os aplausos e recoñecemento do público. As entradas están á venda na web oficial do Concello (premer aquí) até o venres ás 21:20 horas aos prezos de 8 euros e 6 euros.