Este venres prosegue a programación de Outono no Teatro Municipal de Tui, coa penúltima proposta deste ciclo. Será coa compañía La Canica e a representación de “Orfeo”, un espectáculo polo que recibiron o Premio “Mellor Proposta dun Clásico” en FETEN 2020, a Feria Europea de Artes Escénicas para Nenos e Nenas. O espectáculo comezará ás 19:30 horas.
Dúas actrices, Daniela Saludes e Esther Blanca, escenifican o mito de Orfeo e Eurídice con monicreques, sombras, obxectos e outros recursos teatrais. Unha posta en escena que combina o relato poético nas voces das dúas actrices, o xogo teatral dos diversos protagonistas da historia, a expresividade dos obxectos e o poder evocativo da música. Pablo Vergne é o autor e director da obra, recomendada a partir dos 5 anos.
Orfeo é un mozo grego cuxa música é quen de aplacar tormentas, mover as pedras e amansar as bestas salvaxes. Eurídice é unha nova ninfa protectora dos bosques e a natureza. Un día ambos namoran. Pero a súa felicidade non dura moito tempo. Unha mordedura de serpe mata a Eurídice. Abatido, Orfeo decide baixar aos infernos na busca da súa amada.
As entradas están á venda na web municipal de Tui (premer aquí) até dez minutos antes do comezo do espectáculo, aos prezos de 4 e 3 euros.