O goberno de Nigrán manterá o Festival Solpor Monteferro como unha das grandes citas de referencia na axenda estival do municipio ante o gran éxito desta primeira edición. O evento musical, que uniu a sublime localización e vistas do miradoiro de Monteferro á tardiña este venres 21 e sábado 22 de xullo coa música dalgúns dos mellores grupos locais, reuniu a máis de 2000 persoas nos dous días.
Neste enclave único, un público de tódalas idades desfrutou dende ás 20.00 horas e de xeito gratuíto dos concertos de Blue Monk, Bliusvai, Dous, Moon Cresta e San Rockers, todos eles con fondas raíces en Nigrán. Se no primeiro día se reuniron máis de medio millar de persoas, no segundo a cifra duplicouse ampliamente, todo elo sen que a presenza de xente nesta contorna supusese o máis mínimo desperfecto ou dano medioambiental e perfectamente organizado o aparcamento na zona. “É un evento medioambientalmente sostible, que respeta o entorno e o pon en valor. Cumpríronse as mellores expectativas, a resposta foi marabillosa, a xente estaba feliz de poder desfrutar desta contorna, do solpor e da música, polo que temos claro que este festival se manterá no noso calendario para ser, como o Nigranjazz, unha referencia máis do municipio que proxecta ao exterior a nosa mellor cara”, reflexiona o alcalde, Juan González.
Os encantos do Festival Solpor Monteferro
O goberno de Nigrán quere con ‘Solpor’ promocionar un espazo tan espectacular como Monteferro de xeito responsable e ao tempo que ofrece aos grupos locais unha oportunidade de amosar o seu traballo no mellor dos escenarios posibles.
Vive Nigrán, o outro festival na localidade
"Definitivamente, os 'Solpores' veñen para quedarse no noso calendario estival. En cada edición desfilarán grupos distintos da nosa localidade porque é o noso deber apoialos e porque somos coñecedores da súa valía", afirma Juan González, alcalde de Nigrán. “O ‘Solpor’ de Monteferro, o ‘Nigranjazz’ deste venres 28 e sábado 29 no esteiro de A Foz do Miñor e o ‘Vive Nigrán’ o 26 e 27 de agosto en Praia América forman un trío de festivais de música de auténtico luxo que nos fai sentírmonos orgullosos do noso municipio”, engade.