Laura LaMontagne e PicoAmperio protagonizan o concerto-homenaxe a Xela Arias en Vigo

Laura LaMontagne, durante su actuación en Tui // TAMARA DE LA FUENTE

Publicidad

O Auditorio do Mar de Vigo será o escenario no que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará o vindeiro día 16 de maio ás 20:00 horas o seu tradicional Concerto das Letras Galegas. O Concello de Vigo colabora na realización deste proxecto que xuntará a experimentación musical de LauraLaMontagne e PicoAmperio coa poética de Xela Arias (1962-2003), figura á que se lle dedica nesta ocasión o Día das Letras Galegas. O concerto é presencial pero poderá seguirse en directo desde o web do CCG e da CRTVG, e no propio 17 de maio na segunda canle da TVG. As entradas do concerto serán de balde e pódense retirar desde hoxe a través da plataforma Teuticket (premer aquí).

O Concerto das Letras Galegas é unha aposta consolidada do CCG para celebrar dunha maneira festiva o Día das Letras Galegas, e este ano pretende ser tamén unha homenaxe ás vangardas e aos novos creadores. “Quixemos darlle o protagonismo aos máis novos, facendo que Xela Arias sexa coma unha ponte entre diferentes xeracións” asegurou a presidenta Rosario Álvarez na rolda de presentación desta cita. Canda ela, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou o carácter transgresor da figura homenaxeada e conectouno co “momento de fervedoiro que viviu Vigo en diferentes eidos como o sindical, laboral, cultural e musical e que marcou unha época”.

A undécima edición do Concerto das Letras Galegas afastarase de rexistros anteriores para amoldarse ao universo plástico ideado por Xela Arias. “Queríamos un concerto ao que pensamos que asistiría a propia Xela” asegurou a presidenta do CCG ao tempo que explicou a elección da cidade “aquí se fixo a poeta que todos celebramos , aquí se conformou a súa personalidade e a súa obra, e Vigo, en toda a súa extensión, está presente na súa obra”.

Laura LaMontagne e PicoAmperio ofrecerán un concerto de ambiente hip hop, con DJ set no que haberá un gran protagonismo audiovisual a cargo do videocreador Borja Bernárdez, coa axuda do deseñador Raul Silva que executará as luces creadas especificamente para este concerto. O cartel do concerto é obra da deseñadora Uqui Permui.

O repertorio habitual do grupo inclúe composicións propias, textos de poetas coma Luz Fandiño e revisións de clásicos coma as cantigas de amigo de Martin Codax, cantigas de Airas Nunes e mesmo de Alfonso X “O Sabio”. Cada ano, o Consello da Cultura Galega encarga unha composición que se estrea no día do Concerto das Letras Galegas. Este ano non é unha excepción e Laura LaMontagne e PicoAmperio presentarán un bloque central do concerto no que o seu universo se mestura co da poeta Xela Arias a modo de collage. “A súa poesía chega cargada de significados que se tornan persoais polo que integramos o seu imaxinario seleccionando fragmentos de poemas, combinándoos entre si, e deixándonos levar pola súa musicalidade” asegurou Laura LaMontagne na presentación. “Denuncia do Equilibrio” e “Tigres coma Cabalos” son os poemarios dos que se nutre esta parte central que ofrecerá un efectista xogo de luces trasladando o universo simbólico de Xela Arias. O concerto rematará, como vén sendo habitual, co Himno de Galicia, que este ano se adapta á estética do concerto.

A undécima edición do Concerto das Letras Galegas vaise retransmitir en directo a través da rede no web do CCG e o día seguinte, no propio Día das Letras Galegas, a través da G2 dentro da programación especial que a cadea pública deseñou co gallo da festividade.

Os intérpretes e compositores

Laura LaMontagne comeza o seu proxecto con PicoAmperio (DJ e produtor) en xullo de 2019 entre Santiago de Compostela e Lugo. Viñan de experiencias moi dispares. Pedro participou do colectivo 'Hip Hop Ateneu' e dos grupos Pura Mestura, Furnier e Tempo Norte, mentres que Laura experimentou nos recitais de poesía de Compostela, en concertos en solitario e noutros proxectos previos dos que formou parte. Melodías suaves, bucles vocais, percusións marcadas e atmosferas rascadas son piares da súa particular expresión artística. Na súa proposta misturan música medieval galego-portuguesa, ambiente hip hop e poesía, poñendo especial atención nas obras de Martín Codax, Airas Nunes, Rosalía de Castro e Fernando Pessoa. Unha lista á que agora se suma a poeta Xela Arias, á que está dedicado este Día das Letras Galegas.

Concerto das Letras Galegas

É a primeira vez que o Concerto das Letras Galegas ten lugar en Vigo. Comezou en Santiago de Compostela nunha edición que recuperaba a figura de Lois Pereiro. Volveu a esta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. Na cidade de Pontevedra celebráronse tres edicións, para lembrar a Valentín Paz Andrade, Filgueira Valverde e María Victoria Moreno. O concerto estivo en Lugo, no ano 2014 lembrando a Díaz Castro; na Coruña no ano 2016 honrando a Manuel María; e un ano despois foi a Ourense coa figura de Carlos Casares. Este ano tivo unha segunda edición en Santiago. A décima edición íase celebrar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Santiago de Compostela.

Salir de la versión móvil