A organización do Festival Intercéltico O Son do Pazo acaba de facer público o cartel da cuarta edición do evento, que terá lugar na contorna do Pazo de Mos o venres 31 de agosto e o sábado 1 de setembro. Leilía e Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre son dous dos maiores reclamos na programación musical deste ano, na que figura, por primeira vez dende o nacemente do evento, unha banda procedente de Irlanda. A actuación de Backwest, programada para a noite do sábado, consolida o carácter internacional do evento organizado polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos.
Polo escenario principal do Son do Pazo pasarán tamén outras formacións destacadas da escena folk actual, como Andoa, H2Folk ou os anfitrións, a Banda de Gaitas Airiños do Castelo, que serán os encargados de abrir a programación musical a noite do venres 31 de agosto.
Co obxectivo de facer promoción do festival O Son do Pazo, os compoñentes de Airiños do Castelo levaron a súa música por todos os recunchos da parroquia de Mos nunha nova edición da "Tractorada Gaiteira". A bordo de distintos tractores, realizaron un percorrido que rematou coa presentación pública do cartel da edición deste ano no propio recinto do evento, a carón do Pazo de Mos.
O Festival Intercéltico O Son do Pazo, organizado polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, chega este ano a súa cuarta edición co obxectivo de consolidarse como unha cita ineludible para os amantes da música folk en Galicia. Polo escenario do evento pasaron, dende o ano 2015, artistas e bandas de primeiro nivel como Uxía Senlle, Xosé Manuel Budiño, Son de Seu, Treixadura ou Susana Seivane, entre outros moitos.
Esta cuarta edición de O Son do Pazo marcará un fito na historia do festival ao materializar o desexo expresado pola organización, xa dende o nacemento do evento, de contar con artistas e bandas procedentes das distintas nacións de cultura celta.