Leo Bassi chega a Salceda co seu espectáculo Yo, Mussolini

Publicidad

Provocador, comprometido, artista e, sobre todo, moi divertido. Así é Leo Bassi, un dos clowns máis coñecidos do mundo que a vindeira semana chegará a Galicia co seu último espectáculo, "Yo, Mussolini" e que se poderá gozar o 27 de xaneiro en Lugo, o 28 de xaneiro en Salceda de Caselas e o 29 de xaneiro en Viveiro.

Leo Bassi subirá aos escenarios con este espectáculo no que volve posicionarse fronte á extrema dereita e o actual auxe en todo o mundo da vella ideoloxía fascista. Un desafío directo á xente que ten loitado sempre por unha vida máis solidaria e humanista.

"Yo, Mussolini" é unha peza provocadora e divertida, pensada para xerar optimismo e dar ao público que sae do teatro gañas de resistir, ou, mellor, “risistir!” con intelixencia á intolerancia. E é que a mensaxe máis importante desta peza de Leo Bassi é que o fascismo crece polo medo que xera, e que o mellor antídoto contra ese medo é o sentido do humor.

A representación do novo espectáculo de Leo Bassi en Salceda de Caselas terá lugar o venres 28, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura. As entradas estarán dispoñibles no espazo cultural.

Quen é Leo Bassi?

Leo Bassi leva o circo no sangue. Hai seis xeracións, un devanceiro de Leo Bassi loitou á beira de Garibaldi antes de crear un dos primeiros circos modernos da Toscana. Máis aló de continuar coa tradición familiar, salvagarda un propósito: manter vivo o espírito provocador que caracteriza o selo da súa estirpe. Porque Leo é un bufón, un home comprometido que considera que o pallaso debe mirar directamente ao poder, mofarse del e denuncialo mediante a risa.

A provocación é unha ferramenta do compromiso para este italiano que debutou con sete anos en Australia, iniciando aos 23 a súa carreira en solitario, creando os seus propios espectáculos e converténdose, co paso dos anos, nun dos clowns máis coñecidos do mundo.

Salir de la versión móvil