A Biblioteca Pública Municipal da Guarda organiza varias actividades dirixidas ao público infantil, mozo e adulto co gallo do Día da Biblioteca.
Así, até o próximo 7 de novembro, celebraranse as xornadas tituladas “Biblioteca solidaria”, nas que aquelas persoas que se acheguen ao espazo de ocio e lectura municipal poderán escoller un libro descatalogado a cambio de aportar unha unidade de alimentos non perecedoiros (arroz, pasta ou legumes, entre outros).
Co fomento da colaboración solidaria a través desta actividade preténdese mellorar a calidade de vida das persoas ou grupos, especialmente aqueles que sofren algún tipo de carencia, marxinación ou desatención. Esta é, con todo, unha boa maneira de fomentar a lectura e a solidariedade cos sectores máis desfavorecidos da sociedade.
A Biblioteca Municipal celebrará de forma periódica campañas de recollida de alimentos cuxas recadacións serán repartidas entre todas as asociacións da Guarda con fins sociais, sempre que a cantidade de alimentos sexa suficiente. No caso contrario, os donativos destináranse a unha única asociación en cada convocatoria.
Cita de Samaín
As cativas e cativos, pola súa parte, terán este sábado unha cita especial na Biblioteca Municipal. Coa celebración do Samaín xa próximo, a actividade “Contos contados” dedicarase ao medo coa lectura do libro “Andrés cabeza abaixo”, de Pablo Albo y Roger Olmos. Deseguido, os e as participantes poderán elaborar un “marcapáxinas terrorífico” no obradoiro de manualidades. Poderán acudir sós ou en compañía dunha persoa da súa familia.
Ademais, dende o sábado e ata o 4 de novembro, haberá recunchos de lectura con libros dedicados ao medo e o terror, dirixidos tanto ao público adulto coma infantil.